Entrou na lista contra o criterio de Baltar pero nega conflitos con el
18 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Admite que xa se ve como senador. Francisco José Fernández (Louredo, Cortegada, 1959) é alcalde de Leiro, foi deputado e agora da o salto á política nacional con «moita ilusión».
-¿Cando se enterou de que sería candidato?
-Se che digo a verdade foi case cunha chamada túa xusto despois de que se fixeran públicas as listas. Despois xa empecei a recibir chamadas dándome parabéns. Foi moi inesperado porque desta vez non me fixera ningunha ilusión. Outros anos si soaba, pero esta vez non e foi unha grata sorpresa.
-De feito, a dirección provincial non o propuxo para a lista, ¿síntese apoiado agora?
-A día de hoxe, totalmente. Son un máis e penso que tanto o comité de campaña como o presidente provincial están contentos co meu traballo e eu estou moi contento con como está traballando o PP de Ourense.
-¿Quedaron entón pechados os problemas que naceron tralo congreso provincial no que vostede non apoiou a Baltar?
-Eu non teño ningún. O congreso pasou e o que hai que facer é unir e intentar conseguir os mellores resultados.
-Sen embargo, apartárono da Deputación.
-Si. A verdade é que non puiden ser deputado provincial, pero eu, tanto na vida persoal como na política, recordo os bos momentos e os malos, os esquezo.
-Coméntase que non se fala co presidente provincial. ¿Como define a súa relación con el?
-É unha relación correcta, totalmente normal tanto con José Luis como con José Manuel e nunca deixamos de falar, iso desmíntoo categóricamente.
-Vostede que estivo na Deputación oito anos, ¿pensa que debe seguir existindo?
-Por iso mesmo sei que a Deputación pode ser moi útil para os concellos pequenos prestando servizos e asesorando.
-Coñece de cerca o particular mapa municipal de Ourense, coa entidade menor de Berán vinculada a Leiro. ¿Que opina da fusión de municipios?
-Un concello pequeno non ten capacidade, por exemplo, para ter el só a unha asistencia social porque non tería traballo para ela máis que para dous días á semana. Agrupando ou mancomunando servizos si que se podería. As mancomunidades xestionadas ben afórranlle cartos ao veciños sen necesidade de que desaparezan os concellos.
-¿Como foi o Goberno socialista para esta provincia?
-Nestes case oito anos non sei moi ben o que fixeron. Eles presumen do AVE, que xa tiña que estar feito, pero cando era ministro Álvarez Cascos estaban licitados oito dos dez tramos de Ourense- Santiago e non lles quedaba máis remedio que facelos. Non coñezo máis obras que fixeran os socialistas durante os seus gobernos.
francisco José fernández pérez número tres do pp ao senado