Un tipo curioso, intelixente e económico

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Asistiu á Aula de Teatro do campus e un curso de zancudo lanzouno á escena

26 jun 2017 . Actualizado a las 18:42 h.

A Aitor Rei non lle aprendeu Avelino González as primeiras letras. Aprendeulle a dar os primeiros pasos… sobre zancos. Foi no ano santo do 2004, nunha Compostela ateigada de turistas e peregrinos que inundaban as escaleiras de Praterías en indefinida competición cos alumnos dun obradoiro do Festiclown que se afanaban por atravesar, sen danos colaterais, aquel maregmágnum humano. Alí estaban Avelino González como mestre e Aitor Rei como alumno avantaxado, voando con soltura sobre os pés de pau.

Foi o primeiro contacto dunhas vidas que se manteñen conectadas por un maleable fío do que colgan palabras como valentía, profesionalidade, intelixencia ou curiosidade. Avelino, ese actor que nos arrinca un sorriso desde calquera táboa onde pise, gábase de ser un chisco ourensán porque naceu, di, na «banda costeira da provincia de Ourense» ou, o que é o mesmo, na parroquia viguesa de Comesaña. Cando el cumpría a maioría de idade nacía no barrio das Lagoas o alumno que hoxe senta con el nunha varanda da praza Maior, reiterado escenario dos seus espectáculos de rúa.

Aitor Rei Estévez fará 37 anos nuns días. Actor e director de documentais como A última viaxe do afiador ou Frankestein 04155, comezou a escola no hoxe colexio Mestre Vide; nos primeiros anos da EXB mudou a Maristas, onde rematou COU. No camiño descubriu o teatro na Casa da Xuventude. Tiña Aitor 16-17 anos e era momento de decidir que facer despois da Selectividade.

«De materias talvez a que máis me gustaba era a Historia. E tamén a Literatura, pero non tiña nada claro, excepto o que realmente non me gustaba, que eran as ciencias», asegura Aitor Rei. O panorama aclarouse cando descubriu o teatro: «Cando fixen as primeiras actuacións vin que, de todo aquilo que fora coñecendo, iso era o que máis me gustaba. Foi a primeira cousa que vin clara. E dirixinme por aí directamente». Pero o camiño presentaba curvas.

«Eu quería facer Arte Dramática, pero en Galicia non había escola -revive-, así que matriculeime en Maxisterio porque estaba a Aula de Teatro Maricastaña, que a min era o que me interesaba». Non é difícil concluír que rematar os estudos non foi unha prioridade para Aitor: «Fixen Maxisterio, incluso as prácticas, pero quedáronme dous exames para rematar porque xusto nese momento saíume unha xira de teatro de varios meses, e non o dubidei». Foi entón cando creou, con dous compañeiros, Zancalino Produs, xermolo da actual Boneca Lareta Producións.

Quince anos despois, a dous exames de distancia do título oficial de mestre, Aitor mírase no espello desoutro mestre con cara de pillabán: «Avelino aprendeunos a andar nos zancos, si, pero non só. Nós, como xeración, iamos buscando formación en distintos lugares. Avelino orientounos e fixo que moita xente tivese futuro no mundo do teatro e da cultura. El esforzábase, non só no formativo, senón para que puideramos vivir disto, falaba de nós, buscábanos contactos. Se el non se cruzase na vida da miña xeración, unha porcentaxe non seriamos profesionais hoxe». Ata tal punto, conta rindo, que «os socios de Zancalino chamabámoslle a patronal porque era o que nos conseguía o traballo».

Pero o patrón non acaba de recoñecerse no papel de mestre da quinta de Aitor: «Desde logo, non son consciente de exercer esa influencia que el di. Para min foi algo natural porque penso que non ten xeito botar millo se logo non o vas aproveitar; e ata desde un punto de vista egoísta, eu podo dicir: mirade o bo que son que traballo con xente moi boa».

Promocionar a xente como Aitor era «algo normal», asegura: «El é un profesional moi solvente. É un tipo intelixente que entende o que hai ao seu redor; é unha esponxa. E é económico porque sabe elixir e sabe trazar os camiños, zum!». Ademais, ten Aitor unha característica clave para Avelino: curiosidade. Unha actitude que el asocia á valentía, a non quedarse no cómodo: «Se un só é curioso, pode perderse. Pero se é intelixente e económico, como Aitor, é máis fácil non perderse».

«Avelino é un furafollas (no senso de que) está en constante busca, non para nunca de traballar, de propor cousas; el é pensamento actuante»

«De Aitor admiro a intelixencia nas escollas e ese saber estar en diferentes niveis e lugares. Interésame estar con el, a ver se se me pega algo!»

«O que se aprende rindo non se esquece nunca»

A escola oficial non deixou especial pegada en Aitor Rei. Lembra unha esporádica e irrelevante función de teatro nos Maristas. Pouco máis. No ambiente non había interese por promover a cultura, láiase, e el fixo ese descubrimento fóra das aulas, no camiño da vida.

Do mesmo xeito, Avelino González converteu en maxia vital o seu camiño cotiá ata o colexio Atlántica, en Bouzas: «O meu irmán e eu camiñabamos todos os días dous quilómetros para ir á escola, sós, collidos da man, cunha mochila de coiro. O que máis me gustaba da escola era ese ir e vir porque polo camiño había mogollón de cousas. Nunha época estaban construíndo o polígono de Coia e a paisaxe cambiaba continuamente». Aquel neno traste que aínda respira tras uns ollos vivísimos, desembarcou no teatro nun ano baleiro en espera de repetir a Selectividade. Hoxe, convertido en mestre pola xeración de Aitor Rei, sente ese papel como unha responsabilidade e un desafío non exento de angustia para unha persoa hiperorganizada coma el. En todo caso, a súa gran lección é o humor: «Con sangue sobre entra medo. O que se aprende rindo non se esquece nunca».