Carlos Núñez estreará hoxe, no seu concerto da catedral, novas réplicas de instrumentos do Pórtico do Paraíso
02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.No ano 1984 un rapaz vigués viaxou cos membros da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense ao Festival Intercéltico de Lorient. Esta noite, aquel mociño preadolescente rebentará as naves da catedral con sons de madeira, corda e vento arrincados á pedra do Pórtico do Paraíso por Manuel Brañas, mestre artesán, director do Obradoiro-Escola de instrumentos musicais e embaixador naquela experiencia en Lorient.
«Carlos Núñez viñera connosco porque o convidou o seu curmán, que estaba na Escola de Gaitas», desvela Brañas. Trinta e tres anos e moitísimos éxitos despois, o gaiteiro máis estelar de Galicia encontrarase, unha vez máis, con el para facer o que máis lles gusta: música. Será a partir das nove da noite, na catedral. A entrada é gratuíta, con convite que pode recollerse, desde as no da mañá, na Oficina de Turismo de Ourense.
Antes daquel Lorient, nacera en 1982 o Obradoiro-Escola de instrumentos musicais da Deputación. Manuel Brañas Méndez, lugués do Cebreiro que naceu en 1954 en Madrid por mor da emigración, chegou da man de Victorino Núñez, presidente da institución, para poñer en marcha un proxecto que xa existía noutras provincias.
Case catro décadas despois e cun pé na xubilación, Brañas mira con discreta satisfacción os éxitos acadados: a morea de instrumentos tradicionais construídos neste obradoiro e espallados por centros culturais de todo o mundo; a docencia para lutiers e artesáns en ducias de cursos personalizados e profesionalizados, e a investigación.
Desta última vertente e da inquedanza creativa de Brañas naceu a principios dos anos 90 unha iniciativa que viviu a súa segunda etapa nestes primeiros meses do 2018: a reprodución e revitalización dos instrumentos que portan os 24 anciáns esculpidos no Pórtico do Paraíso.
Nunha pequena sala habilitada na modestísima sede da escola-obradoiro no barrio das Lagoas descansan, preparados para a actuación desta noite, boa parte dos instrumentos. Outros levan días nas mans de Carlos Núñez e o seu equipo, que hoxe confraternizarán co anónimo escultor do Paraíso. Ademais das violas, arpas, laúde, organistrum e salterios confeccionados nos anos 90, esta noite soarán na catedral, ao pé dos músicos de pedra, os instrumentos construídos neste 2018 nun obradoiro dirixido polo prestixioso Christian Rault. Unha xiga de tres cordas, unha viola de cinco cordas e a viola grande que porta o vello número 24 do pórtico animaranse nas mans de Núñez.
«Con vistas ao concerto -explica Brañas-, adaptamos os instrumentos aos músicos; algunhas violas tocaranse con arco, como aparecen nas esculturas, e outras fixéronse para tocar con púa, como se fose un laúde. Eu vou tocar o organistrum, que precisa de dous intérpretes».
O paso de pedra a son, explica Brañas, ten varias dificultades. Unha, o descoñecemento sobre os propios instrumentos. É o caso do organistrum, «que desaparecera totalmente». Ademais, a clave é conseguir que soen: «Ás veces o escultor non reproduciu fielmente, ou ben porque non tiña o instrumento diante ou ben porque non era músico e se lle pasaron detalles». Así que, neses casos, á pericia do mestre artesán hai que unir un fondo labor investigador que lle dea coherencia histórica, autenticidade e plenitude musical ao instrumento.
Porque, salienta Brañas, os músicos do Paraíso non son simples copias dos composteláns da Gloria; teñen personalidade propia e hai que saber transmitila. Na madeira e no son. Como canteiros da música.
Un agasallo digno de raíña e unha arpa que non podía soar
As réplicas en madeira dos instrumentos medievais fixéronse buscando a maior fidelidade posible coas técnicas da época e para iso a investigación foi chave. O serrado e o baleirado foron as
escollidas, relata Brañas: «A primeira consiste en cortar a madeira coa forma do instrumento e na
segunda trátase de ir baleirando a peza de madeira ata acadar a forma desexada».
0rganistrum
O rei. Brañas non dubida en bautizar esta peza coma o rei dos instrumentos do pórtico. O seu tamaño e a súa ornamentación chamaron a atención dos artesáns e tamén da raíña Sofía, que o admirou nun concerto dos anos 90. Pouco despois recibiu unha réplica como agasallo. Está construído en madeira de nogueira.
Frautas
Innovación. O ancián situado na posición número 2 do Pórtico do Paraíso toca unha frauta coa man dereita e sostén outra coa esquerda. Este personaxe ofrece unha das innovacións do conxunto escultórico ourensán respecto ao compostelán da Gloria, onde non figuran instrumentos de vento. A reconstrución fíxose con madeira de buxo, cunha única peza perforada por dentro e torneada por fóra.
Arpas
Erros. O estudo das arpas de pedra desvelou algúns erros que tiveron que ser subsanados na réplica en madeira. As cordas estaban mal colocadas, indo do caravilleiro ao mastro no canto de ir á caixa harmónica.