Xira de Cristina Pato por Estados Unidos co Silk Road de Yo-Yo Ma

La Voz

OURENSE

Max Whittaker

A ourensá inclúe por vez primeira nos concertos a peza inspirada no Río do Esquecemento

16 abr 2018 . Actualizado a las 21:06 h.

A gaiteira Cristina Pato está de xira por EE. UU. e de novo a artista ourensá forma parte do Silk Road de Yo-Yo Ma. Son once concertos, que rematarán o vindeiro luns (día 23) en Miami. Unha das novidades desta nova xira musical é que por vez primeira vai estar en xira a peza composta por Pato sobre a perda da memoria da súa nai: «My Lethe Story: O Río do Esquecemento», un proxecto sobre o que traballou hai anos tomando como base o mito do río Limia. Entre outros temas, nesta serie de concertos ofrécese un repertorio único que inclúe a peza «The Latina 6/8 Suite», obra concibida e encargada pola ourensá ao compositor Edward Perez para o seu último disco, «Latina»; o «Cuarteto para o fin dos tempos», de Oliver Messiaen, con Yo-Yo Ma ao cello e Cristina ao piano; e a peza composta pola gaiteira para a súa nai. A xira inclúe ademais algúns arranxos de música tradicional de todo o mundo e pezas novas de Ljova, Jia Daqun e Colin Jacobsen. No caso do tema «My Lethe Story: O Río do Esquecemento» este foi escrito pola artista ourensá no 2012 e na xira será interpretado por Yo-Yo Ma ao cello, Kinan Azmeh ao clarinete, cuarteto de corda e percusión e Cristina Pato ao piano e á gaita.