Das protestas de estudantes ao pasamento do patriarca das letras galegas

La Voz

OURENSE

La Voz

A morte de Ramón Otero Pedrayo, o 10 de abril e 1976, causou un fondo pesar en toda Galicia

23 jun 2019 . Actualizado a las 09:10 h.

O ano chegaba revolto. A recente morte do ditador e a arela colectiva de crear un novo escenario político e social -desexo que batía cos esforzos da vella política e o poder do réxime para que todo quedase atado e ben atado- marcaban a realidade cotiá. Tempo para dar saída a moitas das esperanzas, esforzos e proxectos pendentes.

estudantes

Do apoio aos PNN á amnistía. O estudantes do instituto masculino saían en manifestación pola cidade. Reclamaban a creación dun Sindicato Estudiantil Gallego, a eliminación da selectividade, o regreso do catedrático Francisco Rodríguez, amosaban a súa solidaridade cos PNN (Profesores Non Numerarios) e coa demanda de amnistía xeral.

cultura

Pasamento de Ramón Otero Pedrayo. O patriarca das letras galegas finaba o 10 de abril. A súa morte provocou unha fonda conmoción e pesar en toda Galicia. A cidade homenaxeou a Otero Pedrayo coa descuberta dunha placa na súa casa da Rúa da Paz.

contaminación

Verteduras de Renfe. Seguían os episodios provocados polo depósito das máquinas de Renfe. Nova verquedura de combustible na rede de saneamento, na marxe esquerda da estrada de Oira.

patrimonio

Reforma das cubertas da catedral. O proxecto de intervención nas cubertas da basílica de Ourense vai ser realizado por Francisco Pons Sorolla, arquitecto do Patrimonio Artístico Nacional.

infraestruturas

Afundimento nas Camelias. Aos poucos meses da creación da nova urbanización das Camelias, nas proximidades do Barbaña, e coas primeiras chuvias rexistrouse o afundimento do pavimento deste barrio.

teatro

Venda do Principal. Os nove propietarios do Teatro Principal negocian con dous construtores que teñen interese no edificio. Derrubaríase para construír un novo teatro.