Abride escolas e pecharanse cárceres

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

26 ene 2020 . Actualizado a las 18:16 h.

Conta a fábula que un burro atopou na eira un punteiro, orneou, e o aire húmido mollou a palleta e o son saíu ao campo. O burro mirou para si e dixo «que ben sei tocar». Nesta vida non hai quen poida dicir que algo non saíu por casualidade, o caso é persistir en que miremos para nós mesmos e digamos «que ben o sei facer». O síndrome Dunning-Kruger explica o nivel de competencia real co nivel auto-percibido. Nesta curva hai unha fase de «Montaña da Ignorancia» á que sigue un val da desesperación, para logo emprender un camiño á sabedoría e chegar a unha meseta do coñecemento. Moitas veces penso que quedamos no monte.

O 31 de xaneiro do 1820 nace en Ferrol Concepción Arenal, unha das figuras senlleiras do século XIX. Pasaron á historia frases que están no corpo cultural do Estado, unha: «Abride escolas e pecharanse cárceres». Anna Caballé escribiu a biografía Concepción Arenal, la caminante, Premio Nacional de Historia. Relata a morte de seu pai, un militar liberal, enfermo no cárcere por enfrontarse ao absolutista Fernando VII, o xermolo da visitadora de prisións.

O aire colouse polo punteiro co anuncio de trasladar á antiga cárcere a UNED. Puido ser a homenaxe a Concepción Arenal no seu 200 aniversario. Unha oportunidade para facer unha revisión completa do seu pensamento grazas a este traslado, se así fora pensado. Nestes días de PINParental repasar a historia da Institución de Libre Enseñanza de Giner de los Ríos -con quen Arenal compartiu correspondencia- sirve para reforzar a educación pública, volver a pensamentos laicos, á liberdade de cátedra, todo grazas a este traslado. Sumamos a Victoria Kent, e fiamos un argumento feminino que faga perdurar, fronte a represión que tinguiu de gris a vida de moitas veciñas e veciños, o coñecemento. Pero como as casualidades teñen estas cousas, pode ser que tamén trasladen a estatua de Concepción Arenal para o patio do cárcere, e deixen no emprazamento actual un par de pelotas. Pena que Ana Kiro non lle poida cantar, «...Pelotas é unha praza que hai no Ourense, meu primo que é fútboleiro baila en Pelotas no mes de xaneiro...».