A Xunta destinou 624.000 euros este ano para proxectos no Xurés

La Voz

OURENSE

cedida

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou un forno comunal en Vilariño de Santa Cristina, Lobeira, e os miradoiros de Agrelo e Outeiro de Cela en Muíños

28 jul 2020 . Actualizado a las 17:40 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu este ano máis de 200 solicitudes de axudas públicas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia. A convocatoria de 2020 foi publicada o pasado mes de febreiro por un importe global de 1,4 millóns e nestes momentos está en fase de resolución, polo que nos próximos días faranse públicos os proxectos que recibirán subvención. Así o avanzou en Lobeira a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen visitou este concello e o de Muíños para coñecer o resultado de varias actuacións realizadas o ano pasado no parque Baixa Limia-Serra do Xurés grazas aos fondos mobilizados por parte da Xunta de Galicia.

 En total, indicou que o seu departamento destinou máis de 624.000 euros a mellorar a imaxe e o estado deste espazo natural, declarado reserva da biosfera transfronteiriza pola Unesco en 2009. Desta cantidade, case 504.000 euros dedicáronse a financiar 43 proxectos a través da orde de axudas para actuacións nos parques naturais que teñen como obxectivo a recuperación do patrimonio etnográfico a través de iniciativas impulsadas por concellos, particulares, asociacións ou empresas, e o resto, foron investimentos directos da propia Consellería.

 Entre as actuacións executadas pola Xunta, Vázquez Mejuto subliñou precisamente os traballos de restauración realizados nun forno comunal en Vilariño de Santa Cristina, no Concello de Lobeira, unha das obras na que se investiron preto de 38.000 euros para mellorar o seu uso público turístico e cultural. Así mesmo tamén se achegou ata os miradoiros de Agrelo e Outeiro de Cela, en Muíños, nos que se realizaron melloras como a instalación dun valado e de paneis informativos, se ampliaron as instalacións para uso público e ata se construíu un novo sendeiro mellorando a ruta a pé de máis de 500 metros que conduce ata o punto de observación localizado en Outeiro de Cela.

 Este tipo de investimentos terán continuidade nos dous próximos anos xa que, como adiantou a conselleira, o seu departamento xa está na recta final da tramitación da nova orde de axudas para actuacións nos seis parques naturais de Galicia, dotada con 1,4 millóns para o período 2020-2021.

 Tras lembrar que esta convocatoria está cofinanciada polo Fondo Agrícola Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), Ángeles Vázquez citou entre os seus obxectivos principais acadar a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, a través da construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; mellorar a sinalización de camiños e a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; ou fomentar a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional como hórreos, miradoiros, cabanas, valados ou fontes.  Neste sentido, indicou que unha vez máis o interese do tecido administrativo, empresarial e social que rodea ao Xurés por impulsar os valores deste espazo natural quedou de manifesto nas máis de 120 solicitudes que se recibiron este ano para participar na convocatoria de axudas para executar actuacións nos parques naturais de Galicia.

 «O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é un dos orgullos de Galicia, un tesouro que nos legaron a natureza e os nosos devanceiros e que agora nos toca coidar a nós», resumiu a conselleira, que se comprometeu a seguir apostando pola súa promoción e protección con todas as ferramentas ao seu alcance.