
Cultura investiu 150.000 euros en restaurar a capela do
30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Leiro debería estar onte en plenas festas, como correspondería e así era tradicionalmente todos os 29 de xuño antes da chegada do coronavirus. Con todo, o día do patrón de Leiro tivo algo de celebración ao contar coa visita do conselleiro de Cultura á capela de San Pedro, edificio datado no século XVI que está protexido polo seu valor patrimonial e que pertence ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
O departamento que dirixe Román Rodríguez González completou as obras de restauración da capela de Leiro e para desenvolver o proxecto contouse cunha partida de 150.000 euros. A actuación centrouse na estrutura e cubertas e enmarcouse «no compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio cultural e artístico da provincia de Ourense», sinalou Román Rodríguez. O conselleiro tamén lembrou que se está a desenvolver o proxecto de recuperación do retablo da igrexa de Serantes e que tamén se levou a cabo a restauración do reloxo mecánico e do campanario da igrexa do mosteiro de San Clodio.
A intervención en San Pedro tivo como obxectivo «resolver as patoloxías que presentaba, especialmente no referido ás fendas existentes nas bóvedas e filtracións, así como os elementos discordantes como a espadana ou a estrutura de madeira que ocupaba o primeiro tramo da nave. Para iso, consolidouse e estabilizouse estruturalmente o arco toral do presbiterio mediante a colocación dun tirante metálico que recolle os seus esforzos horizontais», segundo se sinalou dende a Consellería de Cultura
Na súa visita a Leiro o conselleiro de Cultura estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde, Francisco José Fernández Pérez.
Liberar a fachada
Unha acción significativa foi desmontar a espadana construída en 1956 -e colocada inicialmente na fachada lateral- «cuxo deseño e dimensións contrastaba coa portada do templo, e devolveuse á súa ubicación orixinal».