O escritor e político Carlos Mella Villar, Premio Trasalba 2022

La Voz OURENSE

OURENSE

Inauguración do Abril Oteriano no Liceo de Ourense.
Inauguración do Abril Oteriano no Liceo de Ourense. Miguel Ascón

O anuncio chegou nunha xornada na que tamén se asinou un convenio entre o Liceo e a Fundación Otero Pedrayo para colaborar en actos culturais

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado, 23 de abril, o Liceo de Ourense acolleu a inauguración dunha nova edición do Abril Oteriano, unhas xornadas nas que diversos expertos analizaron as novidades existentes no mundo da investigación en torno á figura de Ramón Otero Pedrayo. Ademais, o presidente da Fundación que leva o nome do intelectual galego, José Eduardo López Pereira, deu a coñecer ao ganador do Premio Trasalba 2022, que será para o escritor e político Carlos Mella Villar. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 26 de xuño. «A Comisión de Goberno da Fundación, por unanimidade, concedeulle o devandito premio en recoñecemento ao seu compromiso e traxectoria vital, na que destacan a entrega á causa da cultura galega», explica un comunicado.

A celebración do Abril Oteriano contou coas intervencións de Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Miguel Anxo Seixas e Xesús Alonso Montero. Ademais, durante a xornada deste sábado, o presidente do Liceo, Xavier Casares Mouriño, e o da Fundación Otero Pedrayo, José Eduardo López Pereirao, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións, «coa finalidade de conseguir os obxectivos de buscar a conxunción de ideas e actuacións a prol do desenvolvemento cultural, intelectual e económico dos cidadáns da provincia de Ourense», explica un comunicado. O Liceo e a Fundación comprométense, en base a este acordo, a colaborar «naqueles actos culturais que consideren oportunos para beneficio das dúas institucións e os seus asociados», din.