
O seu traballo sobre Florencio Delgado Gurriarán foi repartido polos colexios de infantil e primaria de Galicia
16 may 2022 . Actualizado a las 18:09 h.O cartel feito polos alumnos do colexio Virxe do Camiño de Rubiá para conmemorar o Día das Letras está presente en todos os centros educativos de infantil e primaria de Galicia. Os rapaces valdeorreses foron os gañadores do concurso exposición Letras Galegas organizado pola Xunta de Galicia. Presentaron un coidado traballo, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que acudiu á entrega do premio. É unha obra colectiva (coordinada por Felipe Ulloa) que implicou tanto ao profesorado como ao alumnado do centro. Este espírito de colaboración e de unidade, que é o espírito das Letras Galegas, permite que un centro educativo do medio rural coma este poida facer un traballo tan grande e tan interesante, que serve para difundir tamén nos restantes centros de Galicia o exemplo de Florencio Delgado Gurriarán, dixo García. Estaba acompañado da xefa territorial de Educación en Ourense, Judith Fernández; o alcalde, Elías Rodríguez; a directora do centro, Andrea Tato; e Ricardo Gurriarán, representante da familia. No acto tamén estiveron as tres fillas de Florencio: Celia, Carmiña e Maruxa.
O traballo gañador destacou, explican desde a Xunta, cun harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración. Os carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes tarefas de gamificación e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como orixinais vídeos de animación, na procura de difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo. Todos estes materiais atópanse no Portal da Lingua Galega e no blog do centro, O guieiro de Florencio.
Parada na Rúa dunha exposición sobre Florencio
Despois de estar en Rubiá, García estivo no IES Cosme López de A Rúa de Valdeorras para presentar a exposición sobre a figura homenaxeada pola RAG este 17 de maio correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario. Estivo acompañado García aquí pola directora do instituto, María Rosario Alonso; e os autores dos materiais, Débora Álvarez e Xulio Pérez. Durante a xornada, o alumnado de 2º de Bacharelato recitou poemas sobre o homenaxeado e o público asistente visitou a exposición onde, ademais dos carteis das Letras Galegas, puido contemplar un lenzo coa caracterización de Gurriarán que foi realizado polo alumnado.
Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores de libros e outros materiais.