A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acolle a estrea da obra «Relato para un incendio»

M. D. OURENSE

OURENSE

Unha escea de «Relato para un incendio»
Unha escea de «Relato para un incendio» Cedida

A función, que revisa a figura feminina en Galicia, é ás 20.00 horas

21 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia é o escenario para a presentación da obra Relato para un incendio da compañía galega aAntena. Será nun dos espazos únicos cos que conta o festival teatral da vila ourensá, na igrexa da Madalena, ás oito da tarde. A función está coproducida pola propia MIT xunto co Centro Dramático Galego, logo de gañar a segunda fase da bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada pola Xunta.

Trátase dun espectáculo escrito polo autor Ernesto Is —gañador da primeira fase desa subvención— que elaborou un texto que parte de dous sucesos verídicos acontecidos na comarca de Ordes, en A Coruña. Por unha banda están os estudos antropolóxicos que Gustav Henningsen levou a cabo na aldea de Ardemil durante a década dos sesenta, cando o danés traballou na procura dos últimos vestixios da bruxería en Galicia. O texto cuestiona os métodos creativos do antropólogo danés, que usou a mulleres como imaxe central dos filmes que gravou para documentar o seu estudo e levounas a situacións límite na busca dunha verdade relacionada coas bruxas. Todas esas gravacións atópanse no arquivo do Museo do Pobo Galego.

Por outro lado, a función afonda nos incendios provocados por unha veciña de Cerceda no verán do 2016. Plantexa unha reflexión sobre a inxustiza que supón que a única persoa con sentenza firme culpable polos lumes dun verán no que arderon miles de hectáreas en Galicia fose exclusivamente unha muller, a alcumada como a pirómana da Cerceda, cuxo mal podo supor o 5 % dos terreos queimados en realidade.

Dous feitos aparentemente opostos pero igual de perigosos. Namentres o danés trata de preservar a identidade de Galicia sen escrúpulos, a outra remata por reducila a cinsas.

A proposta escénica de aAntena, cunha decidida aposta polo teatro documento, expón con toques de humor unha revisión da figura feminina tanto na historia recente coma na memoria colectiva. Os actores Isabel Risco, Manu Fernández e Victoria Pérez protagonizan a función, que dirixe Xosé Leis. Os intérpretes dan vida a varios personaxes nunha proposta escénica contemporánea que ten unha hora de duración.

As bruxas, o lume e o castigo feminino son os puntos fortes nos que se apoia un espectáculo cheo de audiovisual, recreación histórica, reflexión e humor.

Unha promesa incumprida

O programa da MIT de Ribadavia ten dúas propostas teatrais máis para este xoves. Ás 21.30 horas, na aldea de San Cristovo, a compañía vasca Ertza interpretará Meeting Point. Pola noite chegará unha das obras máis esperadas desta edición, El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca. Unha función do Teatro Nacional de Cataluña e Xavier Bobés que conta a historia dunha promesa incumprida. Poesía e teatro documental baseado nas redaccións duns nenos que non viran o mar e do seu mestre Antoni Benaiges.