Eva Mejuto, escritora: «Os nenos coñecen o mundo a través dos contos»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Eva Mejuto dará unha charla o martes en Ourense
Eva Mejuto dará unha charla o martes en Ourense Martina Miser

A xornalista dará unha ponencia no Ciclo de literatura infantil e xuvenil este martes na Facultade de Educación ás 17.00 horas

24 oct 2022 . Actualizado a las 18:55 h.

O martes remata o Ciclo de literatura infantil e xuvenil que organiza por sétimo ano consecutivo a vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, Isabel Mociño. Nesta edición o lema é «Coeducamos?». A cuarta e última conferencia tócalle á escritora, e xornalista, Eva Mejuto. Na súa intervención, ás 17.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán da facultade, a creadora galega falará sobre «Álbums para entender o mundo».

—De que vai tratar a súa charla?

—Voume centrar na literatura infantil de corte social que é un pouco a miña especialidade. Falarei de como os álbums ilustrados poden servir para achegar aos nenos á parte máis social da nosa realidade, porque durante un tempo ese tipo de libros baseábanse máis en imaxes, en contos tradicionais, fantásticos, imaxinarios, marabillosos... Os nenos coñecen o mundo a través dos contos e penso que é importantísimo saber como lles podemos falar da guerra, da fame e de calquera temática difícil a través deles. Non debemos ocultarlle á rapazada esa realidade que a rodea porque forma parte do mundo tamén e creo que é interesante que participe dela e que vaia formando a súa consciencia social. A literatura axuda a achegarllo a través das metáforas, das ilustracións... e de todo iso quero falar o martes.

—E dicir, os contos son unha ferramenta de ensino social?

—Si, son recursos moi interesantes tanto para as familias como para os docentes, porque a través da literatura podemos falar nos códigos dos rapaces e podemos explicarlles o mundo con símbolos.

—Por que deberían ir os futuros docentes da facultade de Ourense?

—Cando te formas para ser docente, unha cousa son os dominios que tes que estudar, pero despois hai outra serie de áreas para as que ninguén te prepara, sobre todo o que ten que ver coas ferramentas a nivel emocional para tratar co alumnado. Este tipo de ciclos está moi ben porque achega esas ferramentas aos futuros docentes de como tocar segundo que temas. A literatura para isto é marabillosa porque podemos afondar en conflitos que non están no currículo e que sería moi difícil abarcar de outra maneira. É un luxo participar neste ciclo.