Cristina Pato: «Tiña pendente compartir a miña novela cos ourensáns e coa xente do Liceo»

La Voz

OURENSE

Cristina Pato coa súa primeira novela
Cristina Pato coa súa primeira novela Miguel Villar

A profesora e escritora conversa ao redor de «No día do seu enterro» con José Luis Troitiña

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.00 horas • Liceo de Ourense • Cristina Pato achegarase esta tarde ao Liceo para saldar unha conta que tiña pendente, que non é outra que a de compartir a experiencia da súa primeira novela cos ourensáns e co público que participa nas actividades dun lugar querido para ela e que está vencellado á cultura e á dinamización da cidade. Na conversa ao redor de «No día do seu enterro» compartirá a sesión co xerente da sociedade de Lamas Carvajal, José Luis Troitiña.

 

Recoñece a profesora, articulista e escritora ourensá que era unha cita que tiña pendente e que a celebración do primeiro aniversario da obra é un argumento poderoso para cumprir co seu desexo. «Vai facer agora un ano que saíu a novela, foi polo vinte e tantos de abril, e unha das cousas que falamos Troitiña e máis eu era facer algo no Liceo, un espazo co que teño unha estreita relación de toda a vida e o mellor para facelo ao ser o verdadeiro dinamizador da vida cultural da cidade. Logo foi pasando a cousa, veu a presentación na Feira do libro de Ourense e xa se foi adiando. Tiña pendente compartir a miña novela cos ourensáns e coa xente do Liceo e agora, que se cumpre o ano, é o mellor dos pretextos para conversar sobre a obra».

Un espazo e un entorno que considera os máis axeitados: «Dende que morrera meu pai, hai vinte anos, tiña pendente escribir esta historia e non foi ata os últimos catro anos que atopei a maneira de afrontala co cariño e respecto que necesitaba. Hai dous anos que quedou rematada e un que chegou aos lectores», lembra. Recoñece que o camiño percorrido por «No día do seu enterro» está cheo de satisfaccións: a xente achégase a felicitala, ten recibido o apoio do sector, o presidente da Real Academia Galega quixo acompañala na presentación e ir pola terceira reimpresión é o mellor dos premios posibles.

 

Aposta pola vida lenta

Comentou cos seus que se a súa novela chegaba á primeira reimpresión poríase a escribir a segunda. Confesa que non está con ela, pero si co proceso: «Sabía daquela cal era a historia que ía escribir e fareino. Estou recollendo documentación para cando me poña diante do ordenador», confesa Cristina Pato.

A docencia e a escritura son dende hai un tempo o territorio da ourensá: «Escribir salvoume a vida nestes dous últimos anos. Ás veces tes que escoitar o corpo; e non sei se foi pola pandemia ou polas circunstancias que sentín as ganas de baixar do tren da présa», sinala. Nesta nova etapa, a cabalo entre Nova York e Ourense, a súa faceta docente —entre as humanidades e a ciencia—, a lectura, os artigos e agora a escrita son as súa prioridades.