
Afirman os meteorólogos que pasou o peor. Levamos un mes, como unha canción de Simon e Garfunkel, levitando sobre a ponte de augas turbulentas. Quizá habitamos nun dos lugares máis fascinantes da literatura universal: Castroforte del Baralla. Terra de marabillas, feitizos, metáforas que danzan no noso adentro: «En esos momentos del alba y del atardecer en que se encuentran las nieblas de los ríos». Que ben escribía Torrente Ballester! Hai que repasar La saga/fuga de JB. Por desgraza, non se le nos institutos, universidades, nin tampouco a len os escritores militantes do decimonónico nacionalismo: porque Torrente Ballester non era un escritor adherido á causa. Agora escribir ben, con pentagrama e poder metafórico, é causa de pecado. De desterro á terra do olvido. Algún día expulsarán do país dos xustos, e eticamente superdotados, a todos os que redacten en contra dos supostos e presupostos da corrección política. Prefiro as treboadas destes días pretéritos. Prefiro a saraiba antes que os censores dos novos tempos, do novo tempo. O substantivo é cancelación. Se non pensas coma eles pensan, eliminado. Prefiro afogar no medio da chuvia, clausurado, antes que non respirar entre os dogmas denominados progresistas. Aburrido. Canso. Compañeiros e compañeiras, qué marabilla a próxima alcaldesa de Santiago!, todo tan inmaculado e fráxil, todo tan moralizante e aleccionador. Penso no primo Gerardo, coñecido por estas columnas de xoves. Ama os días de chuvia. Asegura que algún dos momentos máis felices da súa vida relaciónanse, intimamente, coas borrascas. Sentado nun coche. Contemplando o horizonte. Vendo caer a chuvia sobre o cristal. Non é tan difícil ser feliz.