Antón Pereiras promove un novo proxecto para a festa romana de Lugo
17 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xa vén de camiño unha nova edición do Arde Lucus. A próxima semana, do 22 ao 25, Lugo será invadida de novo polos romanos para lembrar o seu pasado e promocionar os seus vestixios patrimoniais. Unha edición, a deste 2023, na que se rachará o costume de contar cunha nova proposta «Made in Ourense». Antón Pereiras é un ourensán orixinario de Muras, en Lugo. De mozo chegou para traballar na empresa de forxa que montara Barreiros —logo Forxas de Galicia e actualmente CIE Galfor— cando esta botou a andar, hai agora 50 anos, e aquí quedou. É un dos membros da Cohors III Lucensium, que participa todos os anos no Arde Lucus, e a maiores crea unha peza para a festa. «Sempre as deseño ou as creo aquí en Bentraces, na casa do Forno Vello ou na praza, e se son de grandes dimensións elaboro aquí a maqueta e fanse en Madeiras Rías Baixas. O ariete coa cabeza de carneiro que levamos un ano talleino aquí e tamén fixen o arado romano, ferramentas, a catapulta —a balista histórica para lanzar pedras—, o escorpión —lanzador de frechas— e deseñei a grúa —unha peza de 15 metros de alto e 5 metros de diámetro—», lembra. As eleccións tronzaron o proxecto deste ano, ao non confirmarse a tempo a axuda do Concello de Lugo para colaborar na proposta. Quedará para o ano, non hai outra, pero xa está en marcha. «Imos crear un anfiteatro, de catorce metros, que se instalará xunto á catedral, na praza de Santa María. Ocupará todo o espazo e o mesmo contará con espazo para acoller a 105 persoas sentadas: a centuria romana máis as autoridades convidadas», sinala Pereiras. No 2024, ao pé das vidrieiras da catedral, haberá un anfiteatro chegado dende Ourense.