Roberto Pascual, director de la MIT: «As axudas públicas están estancadas e non atenden á subida de prezos»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Roberto Pascual, director de la MIT Ourense
Roberto Pascual, director de la MIT Ourense Santi M. Amil

O dramaturgo admite que ten que pensar se seguirá ao fronte da mostra

30 jul 2023 . Actualizado a las 17:24 h.

Roberto Pascual naceu no Carballiño en 1981. De neno escapábase coa bici para participar en actividades culturais en Ribadavia. Sempre tivo claro o seu destino. «Eu nacín para estar na cultura, en roles diversos, e non sei o que me agarda aínda. Non son un paracaidista, nacín para estar aí, co público e cos artistas, nos dous bandos, e desta forma non ter unha visión sesgada porque a cultura é comunidade, participación e encontro», explica. Dá clases na Escola de Arte de Dramático de Galicia e é un xestor cultural imparable. Aos 28 anos comezou a dirixir a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Acaba de rematar a semana das artes escénicas no Ribeiro e Roberto xa pensa no que virá na edición do 2024, a número corenta, na que cumprirá quince coma director artístico.

—Que balance fai desta MIT?

—Máis que de recuperación, foi unha edición de consolidación do carácter popular e plural grazas ao rotundo apoio do público. Tivemos unha resposta masiva, enchendo tamén nos espectáculos fóra do castelo que son claramente de primeiro nivel. De feito tivemos un récord histórico de venda de entradas o cal para nós é moi importante porque as axudas públicas están estancadas, non atenden á subida de prezos, entón é moi importante ter este apoio por parte dos espectadores para equilibrar.

—Houbo algún cambio significativo no programa?

—Hai moitos factores que explican isto. O da recuperación, porque o ano pasado aínda había medo do covid; e o da aposta pola innovación, porque trasladamos unha mensaxe moi clara que era que aquí íanse atopar os novos rumbos da escena de todo o estado. E tamén se valorou a grande cantidade de actividades paralelas que montamos esta edición.

—Que supón xestionar unha cita teatral deste nivel nun municipio tan pequeno?

—Sobre todo traballar no equilibrio entre coidar á xente do pobo que vive a MIT e tamén á que vén de fóra, que ten moita afición teatral e quere ver algo novidoso, que non poida ver noutro lugar. Abrir con Marina Otero foi arriscar porque é un espectáculo cun discurso moi potente dunha muller que xoga connosco, que nos conta unha cousa e logo é outra. Trátase diso, o teatro tennos que levar por lugares insospeitados, facer que nos cuestionemos.

—Como era a MIT á que se subiu fai quince anos e como é agora?

—Eu recollín unha mostra con moitísimo potencial, unha xoia por pulir en moitos sentidos, pero unha xoia en si porque xa era un festival con moitísimo recoñecemento público. Con todo iso o que fixen foi tratalo ben. Asumino con responsabilidade e tratei de aportarlle, sen ningún tipo de fisura, á miña aposta persoal, con subxectividade e selo peculiar, que lle gustará a unhas persoas e a outras non, pero estou convencido de que unha institución cultural non pode ser de medias tintas. Debe ter un forte arraigo a unha idea. E logo tratei de reforzar o carácter internacional porque quería que o público tivese a oportunidade de desfrutar de espectáculos de fóra sen necesidade de ir a Madrid ou Barcelona. Volqueime na miña primeira edición, que era á celebración do 25 aniversario, inaugurando con La Fura dels Baus, reunindo a 20.000 persoas na Picuxa. Por sorte, iso, que foi unha temeridade, saíu ben e as institucións responderon naquel momento. Incrementáronse moito as axudas, aínda que logo remataron estancándose agás o do Ministerio de Cultura que seguiu progresivamente ampliando a subvención ata os 67.000 euros que recibimos agora. Eu empecei con 15.000.

—Haberá sorpresas na edición do 2024, a número corenta?

—Hai xa compromisos en marcha. Por exemplo, estará unha coprodución do CDN con ButacaZero para a representación de Iribarne, entre outros. O Centro Dramático Galego tamén celebra o corenta aniversario e penso que debemos festexar da man. Hai moita ambición pero eu necesito un tempo de reflexión e de transición porque sinto que estou pechando un ciclo e que a MIT está nunha posición moi boa para que alguén colla o relevo.

—Deixa a dirección da mostra?

—O que quero é que siga crecendo en liberdade, independencia, potencia e ilusión. Entendo que ninguén se debe estancar nun determinado posto porque a MIT non é Roberto Pascual, é moito máis. Aínda que foi un proxecto persoal eu debo continuar o meu camiño. O que si me gustaría é que o relevo, sexa antes ou despois do corenta aniversario, se dea da mellor forma posible e para iso temos que empezar a pensar como será o proceso. Eu non penso marchar e deixar abandonado o festival pero agora quero replantexarme que facer.

«Hai políticos que entenden a cultura como a xestión dunha promotora privada»

Pascual é unha peza clave na cultura galega e nacional. Como divulgador é membro e asesor artístico en distintas organizacións. Está no Inaem e, xa en Galicia, nunha comisión do Consello da Cultura Galega, o que lle permite ter unha visión global.

—Que lle parece a xestión cultural na provincia?

—Vexo que está en decrecemento. Cando eu empecei, arrincaba o FITO, e abríanse novos camiños da man do grandísimo traballo de Sarabela, do Fetega do Carballiño e do Lauro Olmo do Barco, entre outros. Todo iso foi mermando, aínda que foron resistindo aos ataques moi irresponsables do ámbito público. Creo que nestes últimos anos houbo unha equivocada responsabilidade pública da xestión cultural. Hai responsables políticos que entenden a cultura como a xestión dunha promotora privada. Esta pensa no lucro, no beneficio e non en ofrecer dereitos de calidade equilibrando e facéndoo posible. Un responsable público debe estar atento ás principais leis, sen ningún tipo de ocorrencia, nin mirada de modelo exterior liberal, hai que adaptarse ao que di o Estatuto de Autonomía e a Constitución. Non se pensa na profesionalización do perfil do mediador cultural, as axudas públicas outórganse dunha forma arbitraria e todo iso, o capricho individual e que non haxa unha aposta estratéxica e coordinada entre administracións públicas, provocou que na provincia de Ourense mermase a cultura. Afortunadamente en Galicia hai outros modelos que dignifican a cultura.

—Como ve a realidade cultural no resto de Galicia?

—Estamos nun momento con amplas posibilidades. Temos o Centro Dramático Galego dirixido por unha persoa que saíu da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e que ten unha visión e ambición moi grande. Hai unha clara aposta pola produción galega, pero aínda nos queda traballar na distribución e o importante é que cheguen ao público.

De evadirse no silencio do rural gallego a viaxar aos lugares máis exóticos

Acabou por casualidade en Vigo, onde traballa como profesor da Escola Superior de Arte Dramático. Roberto Pascual naceu en Ourense, estudou en Santiago e continuou a súa carreira en Madrid, onde admite que pensaba quedarse. «Ata que xurdiu a oportunidade e o sono da miña vida que é combinar o teatro coa ensinanza», conta.

—E o de interpretar?

—En Madrid, traballando no Instituto Cervantes, descubrín que a miña outra vocación, aparte de ser actor, pasaba pola ensinanza e pola mediación cultural e alí tiven a oportunidade de facelo. Daba clases de cultura galega.

—Que lle gusta facer?

—Viaxar. E tamén me gusta moito estar na miña aldea cos meus pais e saír a pasear coa miña cadela. Encántanme dúas cousas que parecen moi opostas: o silencio e o rural e a voráxine de descubrir novos lugares e culturas afastadas da miña. Desfruto do tempo cos meus pais, que son o amor máis verdadeiro e auténtico, tratando de descubrirme a min mesmo e de escoitar o que levo dentro. E logo tamén me gusta descubrir, tomar perspectiva de Galicia, e lanzarme a culturas moi diferentes.

—De feito agora está a punto de irse a Colombia, non si?

—Este ano foi especialmente intenso para min e a verdade é que tiña moitas ganas de ir a Colombia. Alí teñen unha realidade teatral que me interesa moito, co teatro comunitario de Enrique Buenaventura, que veu a Galicia na transición e influíu en moitas compañía de aquí.

—Que recomenda non perderse nas salas neste momento?

—A obra do CDN Supernormales de Esther F. Carrodeaguas que estará en A Coruña en outubro. E logo tamén recomendo viaxar a Portugal porque alí hai moitas cidades que teñen unha visión de dereitos culturais e internacionalización boísima.

—E as series, gústanlle? Que foi o último que lle chamou a atención?

—Si que me gustan o que pasa é que eu ou consumo ficción, leo, vou a concertos ou dedícome á creación unicamente. Son ámbitos que me requiren moita concentración así que vou oscilando entre crear e consumir. As últimas que vin que me gustaron son The last of us e Borgen.