O OUFF crea unha sección oficial para o audiovisual galego

La Voz

OURENSE

Miguel Anxo Fernández na presentación do OUFF
Miguel Anxo Fernández na presentación do OUFF Miguel Villar

«Panorama Galicia» premiará a mellor produción anual

26 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O OUFF tiña ata o de agora un sinal de identidade característico, como era o de contar cunha sección oficial de longametraxes a competición. Un apartado no que este ano se seleccionaron doce películas chegadas dende varios países —á convocatoria presentáronse 311 cintas, procedentes de 62 nacións—. O Festival de Cine Internacional de Ourense dá un paso adiante nesta vixésimo octava edición coa creación de Panorama Galicia, unha sección oficial competitiva que ten como obxectivo premiar as mellores producións galegas. Nesta edición, que se celebrará do 29 de setembro ao 8 de outubro, optarán aos premios dez obras: sete documentais e tres filmes. O Premio Xacobeo está dotado con 8.000 euros e haberá galardóns da Ourense Film Commission á mellor dirección, guión e interpretación dotados con 2.000 euros. Unha das películas —Nueva tierra, de Mario Pagano— será estrea mundial.

O OUFF 2023, que organiza a Fundación Carlos Velo en colaboración coa Deputación de Ourense, foi presentado onte nun acto no que participaron os directores artístico e executivo do certame, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente provincial, Luis Menor; e os representantes dos patrocinadores principais: Abanca, Gadis e Hijos de Rivera, entre outros.

 

Creadoras

Maior presenza. O OUFF 2023 terá un marcado carácter feminino. Das doce películas a competición na sección oficial oito son de realiadoras e dos dez xurados encargados de conceder os premios —longametraxes, Panorama Galicia e OUFF en Curto— nove son mulleres.

Novos formatos

Máis dotación para as curtas e chegan os videoxogos. O certame incide cada ano en ir incrementando as accións referidas á formación dos novos realizadores. Materialízase no concurso OUFF en Curto e Fas Muvis —equipos que crean unha peza audiovisual durante o festival—. Este ano o certame abre a porta a unha iniciativa que chega para quedarse e ampliar a súa presenza: a industria do videoxogo na súa relación co audiovisual. No OUFF Game Sessions haberá un foro —Videoxogos, a nova narrativa audiovisual— e premios aos mellores estudos e profesionais do sector en Galicia.

Internacionalización

Premios e presenzas. O festival mantén unha aposta decidida pola faceta internacional e polo recoñecemento aos creadores audiovisuais. Entre os premiados figuran o director mexicano Arturo Ripstein xunto a Manuel Gutiérrez Aragón, Loles León, Ana Mariscal —a título póstumo—, Mariana Carballal, Luisa Merelas e Olga Osorio. O xurado da sección oficial estará presidido pola mexicana Estrella Araiza —directora do Festival de Cine de Guadalajara— e no mesmo figura Inês Branco, directora adxunta do Lisbon Film Festival.

Historia

Festival de referencia. Anxo Lorenzo lembrou que «o OUFF é o festival de cine de referencia en Galicia e o escaparate do audiovisual galego. E apostamos porque o siga sendo. Unha convocatoria que cada ano atrae máis público e que é un fito turístico de primeira magnitude». Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, reafirmou a colaboración da entidade, salientou o carácter internacional do festival e o traballo feito nestes anos: «O OUFF contará con todo o noso apoio para seguir facendo de Ourense a capital do cinema de Galicia».