Nuno Pico, cantante de Grande Amore:  «O disco gustoulles ás amigas da miña nai, que son fans de Rozalén»

OURENSE

Nuno Pico, cantante de Grande Amore, en Compostela
Nuno Pico, cantante de Grande Amore, en Compostela Sandra Alonso

O artista do Valadouro participa este sábado no OUR Fest, xunto a bandas coma Suede ou Kula Shaker

17 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como bo artista, Nuno Pico (O Valadouro, 1995) é un melómano de manual, que solta referencias musicais cada poucas frases. É tímido, inseguro e moi alegre. Aínda que isto último non o pareza escoitando a maioría dos seus temas. O cantante e compositor de Grande Amore vén de publicar o seu segundo disco, «II», no que volca, como é habitual, os seus medos e incertezas. Un traballo que recolle temas cheos de forza, nos que volve a entrelazar electrónica con toques de punk e ata de rock clásico. Algúns deles tocaranos este sábado no OUR Fest, onde compartirá escenario, en Expourense, con grupos como Suede o Baxter Dury.

—No último ano sumou dúas artistas ao proxecto de Grande Amore, María Grep e Clara Redondo. Como inflúen elas no proxecto?

—A verdade é que penso que o divertido da música é compartila. Estiven uns anos só pero facíaseme moi complicado porque sentía que nos directos estábame perdendo algo. Todo xurdiu de forma orgánica. Primeiro sumouse María e logo Clara e sinto que conseguimos o que queríamos. Entendémonos súper ben e temos moi boa conexión polo que a experiencia en cada concerto fáisenos moi bonita. Agora mesmo, con elas, sinto que o grupo está no mellor momento en cuestión de directo.

—Acaba de ver a luz o segundo álbum de Grande Amore, por que se chama «II»?

—Tanto o nome dos discos como o deseño das portadas serven coma pequenas homenaxes a grupos que para min son referentes. Bandas que nunca se van decatar de que isto é así, obviamente, pero a min gústame facelo igualmente. Eu de cativo o primeiro que empecei a escoitar era rock clásico, grupos como Deep Purple ou Led Zeppelin, e chamábame moito a atención que este último titulase os seus catro primeiros discos con números romanos. Quería facer iso o que pasa que decidín que o primeiro álbum de Grande Amore fose o homónimo, como fixeron Motorhead ou Leño, e agora recuperei a idea. De feito ata o catro, se chegamos, van ser todos con números romanos.

—«II» é un disco mellor que o primeiro?

—Supoño que forma parte da promoción dos grupos dicir que o último que sacaron é o mellor que fixeron nunca. Eu non vou por aí, a min este gústame moito porque acabo de sacalo e vou a morte con el, pero sei de xente que conectaba máis co primeiro. Entón, non sei que dicir.

—E a vostede cal lle gusta máis?

—Estou moi contento con «II». Teño un recordo moi bo, algo que non se me borrará nunca, do proceso de produción e de gravación, que foi con Carlangas en Sevilla. Eu son moi blandiño e se me enroco en que algo me fixo moitísima ilusión pois xa non saio de aí. Sinto que foi precioso e que este disco é especial por iso, así que sempre lle vou ter moito cariño a «II».

—Analizando as letras dos temas parece que tiña moito que vomitar, penas e conflitos que sacar para fóra, é así?

—É verdade que no meu día a día me río bastante, non vou chorando polas esquinas, pero si que sinto que teño unha parte melancólica e agónica, dende sempre ademais. Por iso penso que Grande Amore me axuda moitísimo a volcar todo iso, toda a angustia, e tamén evita que me inflúa no meu día a día.

—E como está?

—Moi contento. Son moi propenso á queixa pero a nivel de realización persoal penso que nunca estivera mellor. Era posible que Grande Amore se quedase no primeiro disco e xa vimos de sacar o segundo, que está funcionando ben, non somos Britney Spears nin nada diso, pero non nos podemos queixar en absoluto.

—Cal sería o seguinte paso a dar?

—A verdade é que sinto que o punto no que estamos agora xa era bastante improbable que pasara. Quero dicir que o que facemos é música rara e somos moi conscientes de que poder dedicarnos a facela e que aínda por riba á xente lle guste, pois é unha barbaridade. A nós apaixónanos o que facemos e o único que queremos é que siga indo así.

—Cales son as influencias que teñen os novos temas?

—A nivel sónico están preto de cancións grupos como Ministry, de metal industrial. Pero é certo que cando compoño sempre trato de intentar imitar o que fixeron bandas máis tradicionais do rock e do punk coma Los Ramones ou Motorhead. Son músicos que a min me marcaron moitísimo e intento emulalos.

—Só hai unha canción de amor no disco, «Onde ela me quer levar». Isto é porque non ama ou porque non quere falar diso?

—De feito, ben podía amar menos. No primeiro disco hai máis cancións que poden identificarse con esta temática, pero é certo que para este quería explorar outras facetas. Se me poño a escribir, o amor é o primeiro que me sae naturalmente, pero para este álbum quería probar a non repetirme porque iso, repetirme, é unha cousa que me agobia moito.

—A quen lle recomendaría escoitar «II»?

—A todo o mundo porque nunca se sabe e non vaia ser que se estean perdendo algo que lles gusta. Teño anécdotas con isto. O disco gustoulle ás amigas da miña nai, que son fans de Rozalén. Din que fago música «moi animada», así que estou a tope.

—Hai algunha canción que lle gustaría que fose súa?

—Uf, hai moitísimas. Un tema que me encantaría ter feito e que a min me marcou moitísimo de cativo, cando empecei a escoitar música en galego, foi «Filloa» de Terbutalina. É unha canción simple, directa, que conecta ben e o ten todo. Paréceme moi complicado de conseguir e firmaríaa se puidera.