O Museo da Limia homenaxea ás mulleres da comarca na figura de Amalia do Novaíño
OURENSE
O actor Sergio Pazos encargarase da laudatio no acto do 25 de novembro
14 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro 25 de novembro entregarase o Premio Pedra Alta, que concede o Museo da Limia, a Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño. Con este acto, o Padroado do museo quere render unha homenaxe a todas as mulleres que contribuíron ó desenvolvemento da comarca da Limia. O actor Sergio Pazos, con raíces nun pobo de Sandiás, fará a laudatio da premiada.
«Amalia é unha persoa que soubo encarnar o espírito combativo, de loita, traballo e esforzo para sacar adiante a unha familia e ó mesmo tempo a unha comarca. É un símbolo, un modelo de conduta, traballo e esforzo para todo un territorio no que a muller tivo un protagonismo especial, quizais máis destacado que outras zonas, ó ser un territorio tan castigado pola emigración, sobre todo nos anos 60 e 70», explicou Delfín Caseiro, membro do Padroado do Museo da Limia. Amalia Gómez Manso transformou unha taberna de aldea, situada ó pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia. Hoxe rexéntao a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.
Caseiro engadiu: «É a figura referente para cada un de nós, desa nai, avoa, madriña, irmá... Entregou a súa vida ós demais máis que a si mesma. Antepuña os coidados dos maiores e dos fillos a súa propia realización. Isto na nosa sociedade tradicional e rural foi algo habitual e que en parte inda está presente. É un recoñecemento máis que merecido». No mesmo acto do premio procederase á entrega dos carnés de amigos do museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran todos os anos co padroado. Este ano serán para os músicos Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, o artesán Dino Coello e o encargado da laudatio, Sergio Pazos.
O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, unha aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira. «A escultura da Pedra Alta que se entrega ós premiados tamén ten a súa simboloxía. Por un lado está a propia pedra, ten que ser de A Limia, e é unha chamada á autoestima, que na Limia temos que ir coa cabeza ben alta e facer cousas pola comarca», dixo Antón Jardón, membro do padroado.
O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do museo e no salón multiusos de Vilar de Santos. A celebración concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño, de Sandiás, que colabora como patrocinador dos premios. Amalia non cociñará ese día, hai tempo que non o fai. Pero como apuntaron Caseiro e Jardón, «seguramente estará pendente de todo».