Sarabela estrea un drama grotesco que afonda na emigración ou na prostitución

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Parte do equipo de Sarabela, durante a presentación do espectáculo no Principal
Parte do equipo de Sarabela, durante a presentación do espectáculo no Principal Santi M. Amil

A compañía presenta o día 23 «O dragón de ouro», a primeira adaptación ao galego do alemán Shimmelpfenning

16 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía Sarabela presenta o próximo venres en Ourense a súa nova produción. Será no Teatro Principal ás 20.00 horas. Esa mesma mañá os actores ofrecerán un pase para os centros educativos da cidade. E repetirán función o sábado e o domingo.

Nesta ocasión Sarabela sorprende coa adaptación dunha obra do autor alemán Roland Shimmelpfenning, que é un dos máis representados a nivel internacional. Trátase de O dragón de ouro, unha peza que dirixe nesta ocasión Ánxeles Cuña. «Para nós é unha honra e un pracer inmenso presentar por primeira vez en galego a un autor da talla de Shimmelpfenning», afirmou Cuña, que estivo acompañada na presentación do espectáculo pola directora do Teatro Principal, Olga Mojón. O elenco está composto por cinco intérpretes ourensáns. Son Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fer González e Fran Lareu. «É o proxecto que supón o maior reto de toda a carreira de Sarabela. Só cun equipo entregado, comprometido e talentoso pódese estar a altura da obra deste autor alemán que tan ben coñece o espírito humano e penso que o conseguimos», engadiu a directora da peza. O dragón de ouro é unha función de pouco menos de hora e media de duración, na que un total de 23 personaxes transitan por 48 escenas diferentes. «Estamos ante unha traxedia chea de tiles grotescos que a fan trepidante, na que cada actor meterase na pel de polo menos catro roles distintos polo que tivemos que facer encaixe de Camariñas», asegurou Cuña.

Son seis historias cruzadas que acontecen nun mesmo momento. Unha obra totalmente ligada á actualidade. «Ten moito valor social, cultural e artístico, abordando temas candentes que nos interpelan e conmoven como a inmigración ilegal ou a prostitución non desexada», resumiu a artista de Sarabela, unha compañía que o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, describiu así: «É unha das máis importantes e de maior tradición en Galicia. Esta obra induce á reflexión e penso que iso é unha das partes máis interesantes do teatro». O dragón de ouro conta co apoio de Agadic e tamén da Deputación de Ourense. «Nesta produción hai moita paixón», asegurou César Fernández, vicepresidente segundo do goberno provincial.

As entradas para as tres sesións en Ourense xa están a venda na web de Ataquilla, a un prezo de 15 euros. O reparto técnico da obra complétase coa escenógrafa Iris Branco, a deseñadora de iluminación Laura Iturralde, con Ruth Díaz no vestiario e Rut Balvís na asesoría de movemento. Tamén participan María Peinado como asesora de texto, Renata Codda no campo sonoro e Rubén Vilanova na fotografía. A composición musical é de Vadzim Yuknhevich e José Bayón e Rubén Dobaño son os técnicos de luz e son.