O historiador Edelmiro Martínez Cerredelo recibiu o premio Pedra Alta

La Voz OURENSE

OURENSE

Cerredelo, co premio Pedra Alta.
Cerredelo, co premio Pedra Alta. Santi M. Amil

A asociación do Padroado do Museo Etnolóxico da Limia recoñeceu o incansable traballo de investigación e divulgación realizado polo homenaxeado

10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo da Limia, situado en Vilar de Santos, celebrou este sábado a súa cita anual máis solemne: a entrega do Premio Pedra Alta, que o seu padroado outorga a persoas ou entidades cuxa obra ou labor axuda a dar a coñecer esta comarca ourensá. Neste caso a peza que acompaña a este recoñecemento, unha réplica en granito da Pedra Alta feita polo escultor Xosé Lois Carreira, recolleuna o historiador Edelmiro Martínez Cerredelo (Xinzo de Limia, 1946). Xulio Prada Rodríguez, decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense, foi o encargado de entregarlla xunto co diploma que a acompaña, mentres que o presidente do Centro de Cultura Popular do Limia e membro do consello asesor do museo, Manuel Seoane Feijoo, repasou a traxectoria do premiado nun acto celebrado no salón multiusos do Concello de Vilar de Santos.

A Asociación Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, que é quen outorga este premio, quixo recoñecer a Miro (como se lle coñece na contorna) o seu esforzo por contribuír ao coñecemento da historia máis próxima. Este historiador limiao, nomeado fillo predilecto de Xinzo no 2022, ten feito, segundo destacou o xurado «un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del».

O seu primeiro libro foi A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz Historia e memoria. A Limia: 1931-1953. O labor pescudador e divulgador levouno a indagar en períodos máis afastados da historia, como queda patente en Julián Toubes (1796-1870). O correxedor que quixo desecar a lagoa, que publicou no ano 2009; Historia de Xinzo de Limia ou Xinzo de Limia na memoria, que viron a luz entre o 2012 e o 2016. Tamén pescudou e publicou obras sobre o centenario club de fútbol Antela, o entroido de Xinzo ou a historia musical da comarca. E foron precisamente os alumnos do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia os que puxeron o acompañamento musical á entrega do galardón.