
U
12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Alba Guzmán (Ourense, 2003) leva colleitados uns cantos premios literarios dende ben pequena pero o seu nunca foi froito da obriga escolar senón pura paixón pola literatura. De aí que siga creando as súas propias historias de ficción. A última acaba de acadar o primeiro premio de novela curta do certame Xuventude Crea que a Xunta organiza para impulsar os talentos artísticos entre a mocidade. A obra que conquistou ao xurado do Xuventude Crea foi A vinganza de Paquiño Jackson, un traballo no que se combina o humor e a intriga. «Vai de un rapaz de aldea que non tiña moito éxito pero no bum dos oitenta, cando acaba de saír Thriller, faise súper popular porque baila xenial, convértese no rei da pista na discoteca. Pero un día esperta sendo un zombi e non entende que pasou. Sospeita que alguén lle ten ganas de vinganza e de aí todo xira en torno a descubrir quen o fixo», resume Alba. Esta ourensá xa gañara o Xuventude Crea nesa mesma especialidade no ano 2021. Foi coa novela Xoaniña de Deus, una obra de ton intimista que narraba a transición dunha muller que padecía alzhéimer. «A verdade é que non se parecen absolutamente en nada, parecen feitas por dúas persoas diferentes», recoñece.
Conta que despois do éxito acadado por Xoaniña (Xerais sacou xa tres edicións), estaba empezando a perder as ganas de escribir. «Eu estudo Enxeñería Industrial Biomédica. Vaime ben pero porque lle boto moitas horas. A miña cabeza estase a converter nunha folla de éxcel e a creatividade empeza a brillar pola súa ausencia», bromea. O caso é que o pasado ano decidiu poñer remedio. «No segundo cuatrimestre moitas veces é entrar as nove da mañá no campus de Vigo, parar para comer, tirar cara o hospital Álvaro Cunqueiro pola tarde porque facemos alí as practicas e saír ás nove da noite o que, sumado a como funciona o sistema de bus urbano, podes chegar á casa facilmente ás doce. Chegou un momento no que dixen: ‘Teño que escribir o que me apeteza, o que me permita seguir’. Pensei que se é algo divertido, que non ten unha finalidade tan profunda e simplemente quere ser un entretemento de calidade, pois tampouco está mal’», reflexiona.
Cando acabou coa historia de Paquiño decidiu volver a presentarse ó Xuventude Crea. Conta que gañar de novo o primeiro premio foi unha sorpresa. «Faime moita ilusión e dende logo non o esperaba, máxime cando era unha novela de estilo máis xuvenil. Polo propio xénero da obra, e tendo en conta que a temática do concurso é aberta e compites contra todo tipo de contidos, pilloume moi de sorpresa que a elixiran», di.
Alba ten claras dúas cousas: quere dedicarse a enxeñería biomédica e desexa que a súa profesión non sexa compatible con seguir creando historias: «Non penso deixalo nunca. Aspiro a ter oitenta anos e entreterme na miña casa escribindo». Pensa que a idea de que alguén que opta por unha profesión científica ou técnica non pode ser tamén «de letras» non é real. De feito, considera un erro que o sistema educativo separe a formación nas dúas ramas tan cedo. «As persoas que son multidisciplinares, ao final, teñen unha visión máis ampla do mundo. Obviamente vas ter que especializarte en algo porque non se pode ser aprendiz de todo e mestre de nada toda a vida, pero eu xa estaba escollendo en cuarto da ESO se facía un tipo de matemáticas ou outro. E hai moitas materias que sei que noutras xeracións si que pasaron pola xente, como filosofía ou latín e eu non tiven nada deso. En certo modo síntome limitada porque son coñecementos que nunca sobran», reflexiona.