De Gayoso ou con chourizos colgando: a orixinalidade manda no entroido de Xinzo

OURENSE














Na capital da Limia gozaron dun sábado protagonizado polo bo tempo, a música e os divertidos disfraces que se luciron todo o día
01 mar 2025 . Actualizado a las 20:38 h.O mesmísimo Gayoso pasou este sábado polo entroido de Xinzo. Fíxoo acompañando aos granxeiros e ós seus exemplares candidatos a gañar o concurso Miss Vaca, un certame que organizan no programa Luar dende fai unha década. Esa foi a idea que tivo Patri Lamas, unha veciña de A Limia que cada ano é máis orixinal aínda. A ela sumáronse todos os amigos, incluídos os peques da cuadrilla. «Estamos fartos de que ao concurso se presente unha vaca por provincia e sempre gañe Lugo, así que aquí traemos competidoras moi curiosas e simpáticas», dicía.
Estes limiaos montaron todo o chiringuito ao lado da praza maior e non lles faltou detalle. Catro ían de vacas, de razas galegas autóctonas e algunha que outra peculiaridade. «En lugar de competir A Coruña, este ano veu Compostela e é un exemplar ao que lle gusta ver perder ao Depor», contaba Patri, entre risas. Levaron granxeiros e ata tenreiros pequeniños. «Os nenos tamén participan. Aquí involucrámonos todos e, con este solazo, aínda máis», aseguraba. En Xinzo tanto ten que chova, nada é un impedimento para gozar dunha das súas festas máis tradicionais. Aínda así, a maioría de veciños celebraban o bo tempo polas pantallas. «Así poden saír e correr tranquilas», afirmaba Cris González, vestida de vaca limiá para o concurso.
Orixinais foron tamén Santi Tovar, Pepe Soa e Xoán Gómez, este último veu directamente de Canarias, onde vive. Os tres amigos son de Xinzo e non se perden un entroido. «Todos os anos saímos un día de algo tradicional galego, relacionado coa agricultura ou coa gandería», explicaba Santi. Para este sábado decidiron montar a súa versión da taberna, cunha pequena oferta dos produtos máis ricos da matanza. Ademais de bo chourizo, levaban queixo do país, pan e un plátano. «Para que os canarios se sintan tamén representados», dixo Xoán. «O entroido é o máis bonito que temos e non imos parar de botarnos á rúa ata o martes», aseguraba.
As risas e o baile son protagonistas do entroido na capital da Limia. Raro é o grupo de amigos que non destaca. Os nenos involúcranse nos disfraces e divírtense en familia. As parellas demóstranse amor e complicidade con traxes conxuntados e as tropas máis grandes tiran a casa pola ventá para xerar un contido, unha historia que contar. En Xinzo non só van vestidos de algo, séntense coma esas personaxes que representan. Por iso este sábado algúns festexaron o Oktoberfest na Limia. Lucindo a roupa tradicional bávara, con xerros de cervexa e ata coa súa propia barra de bar recorreu o pobo un grupo de amigos. Montaron o Chuzafest e invitaron a cañas a todos os que se achegaron a bailar con eles.
Indios, punkis, viquingos, coches de choque, chinos, obreiros, froiteiros, afroamericanos e todo tipo de animais pasearon por Xinzo nun dos seus días grandes. As charangas non pararon de tocar e, o mellor, é que aínda quedan outras tres xornadas para gozar do entroido. «É a mellor festa do mundo e, para nós, o ideal sería que non acabara nunca», remata Daniel Ferredelo, vestido de alemán e brindando con cervexa.