Máis de 50 felos percorreron Maceda nunha xornada que rematou coa baixada da Marela

La Voz OURENSE

OURENSE

A localidade viviu o sábado o día grande do seu entroido

02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os felos levan semanas saíndo por Maceda, mais onte foi o día estrela, a xornada na que son moitos os visitantes que queren ver ao personaxe no seu percorrido pola serra. Dous autobuses encargáronse de levalos (a eles e tamén a parte do público) durante todo o día dun lado para outro para que ningún veciño quedara sen vivir o entroido. Estiveron en Castro de Escuadro, Pías, Santirso, Xinzo da Costa e Celeirón antes de andar polos casco urbano. Despois do xantar, tocaron Barxela, Vilar, Carguizoi e Tioira antes de volver á vila.

Como agradecemento pola visita, a xente abría as portas da súa casa para que os felos (pertencentes ás diferentes agrupacións que hai no municipio) colleran forzas con roscas, empanada ou embutidos, e puideran mollar a gorxa antes de volver poñer a máscara e saír de novo ás rúas e ao monte. Porque en toda unha xornada son moitos os momentos nos que os felos pisan os camiños ou as leiras, coa súa máscara de xesto autoritario e sorriso burlón, coroada polo debuxo dun animal da serra de San Mamede.

Xa contra a noitiña o entroido continuou, mais de xeito diferente, cunha nova representación da baixada da Marela. É unha figura recuperada no 2014 pola asociación Felos das 12 parroquias e que se leva convertido nun dos actos máis multitudinarios destas datas. Centos de persoas participan na procesión da vaca Marela, que parte do instituto para rematar na praza do felo. Con máscaras de madeira, peles, cornos e chocas, os participantes levan fachós para iluminar a noite.

A charanga Mekánika Rolling Band foi a encargada de poñer música a unha noite que se prolongou ata a madrugada.

Para quen perdera o de onte, aínda ten posibilidade de vivilo, aínda que sexa noutro formato. Hoxe á mañá volverán saír o autobús dos felos e ademais ás doce haberá fiadeiro en Calvelo coas actuacións de Davide Salgado e Fransy González. Mañá á tarde, arredor das seis, terá lugar a baixada da Mareliña, con saída desde o castelo.