Deputación e Clúster de Turismo de Galicia seguirán colaborando na promoción da provincia de Ourense
OURENSE

O presidente da institución, Luis Menor, reuniuse co titular da asociación turística, González Pardal
17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co responsable do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, no pazo provincial. A mesma enmarcouse nos encontros de traballo que o presidente ourensán mantén con representantes de institucións e colectivos vencellados á provincia.
Entre os asuntos abordados estivo a análise da situación do sector turístico galego e ourensán. Pardal salientou o feito de que a actividade turística representa o 12 % do PIB de Galicia e que a comunidade recibiu ao longo do ano 2024 máis de oito millóns de viaxeiros. Para Luis Menor «esas cifras acreditan a eficacia do Clúster coma un instrumento estratéxico na planificación e dinamización do turismo».
No encontro de traballo Menor e Pardal acordaron reforzar as liñas de cooperación en materia de promoción turística e o ourensán puxo en valor as «singularidades que ofrece a provincia e o AVE coma un deses factores diferenciais para seguir incrementando o número de turistas». Tamén asegurou que o turismo é un dos eixes fundamentais do seu mandato, poñendo en valor «a cooperación público-privada como unha das sinerxias estratéxicas para impulsar proxectos». Ao Clúster de Turismo de Galicia están vencelladas 7.500 empresas, a través de 64 asociacións de turismo.