A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense recibiu uns catro mil espectadores
OURENSE

Na trinta edición participaron máis de 210 artistas de 13 grupos universitarios
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A trinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) pechouse este sábado cun balance duns 4.000 espectadores ao longo das tres semanas de programación. A clausura celebrouse cunha gala no Teatro Principal, na que se entregou o premio Miteu 2025 ao alumnado que formou parte da aula de teatro do campus de Ourense.
Dirixida por Fernando Dacosta desde Sarabela Teatro, a mostra desenvolveuse entre o 23 de abril e o 10 de maio, cun total de 19 espectáculos de teatro de sala e rúa, música e danza, ademais de coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición. Participaron máis de 210 artistas de 13 grupos universitarios e seis compañías profesionais procedentes de México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial, Gambia e España.
A Universidade de Vigo tivo un papel destacado, tanto como entidade colaboradora xunto á Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Teatro Principal, Liceo e Cervexas Esmorga, como a través da participación das súas catro aulas de teatro universitario e os grupos de danza, música tradicional e coro do campus de Ourense.
Desde a organización sublíñase a alta calidade xeral dos espectáculos e a boa acollida do público, cunha media superior ás 200 persoas por función, superando os 4.000 asistentes. Ademais, destacou o carácter especial desta edición, que conmemorou os 30 anos da Miteu: tres décadas nas que participaron grupos de 49 países dos cinco continentes, arredor de 6.000 artistas e máis de 175.000 espectadores e espectadoras.
Na gala de clausura, coa presenza do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, entregouse o premio Miteu 2025 ao alumnado que formou parte da aula de teatro do campus ao longo dos seus 34 anos de historia. O galardón, recibido simbolicamente por José María Gómez e Sonia Ferro —participantes no primeiro curso da aula en 1991—, recoñece a preto de mil persoas que pasaron pola aula, moitas das cales son hoxe profesionais da escena e do audiovisual galego, e sobre todo persoas comprometidas coas artes escénicas e a cultura.