Lobeira reivindica un ano máis a figura de Xoaquín Lourenzo a través do cine

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Plácido Romero, director del documental Cesteando
Plácido Romero, director del documental Cesteando Álvaro Vaquero

A quinta edición das Xornadas Arraianas de Cine Etnográfico rematarán cunha homenaxe ao falecido cineasta Plácido Romero

30 jul 2025 . Actualizado a las 13:00 h.

Este sábado, 2 de agosto, celébrase a quinta edición das Xornadas Arraianas de Cine Etnográfico, nas que Arraianos Producións e o Concello de Lobeira reivindicarán a figura de Xoaquín Lourenzo Fernández, Xocas, un persoeiro esencial da etnografía e da antropoloxía galega e europea.

Ás 22.00 horas na Porta do Parque de Lobeira terá lugar un evento cultural multidisciplinar. Comezará coa inauguración da exposición fotográfica Anacos do Rural, producida por ACUDE Rural en colaboración con AGADER e fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Ministerio de Cultura e Filmoteca Española.

Tras isto, realizarase a presentación do libro-cedé Os Xéneros Musicais Tradicionais e Populares Galegos, unha obra de Moisés Quintas e Victoria Pérez, e que consta de dúas partes complementarias. A primeira delas, un texto onde se clasifican de xeito didáctico os xéneros cantados, instrumentais, bailados e danzados de Galicia. A segunda parte é un cedé con 31 melodías dos cancioneiros populares e de fontes vivas, que recompilan a maior parte dos xéneros musicais tradicionais galegos. 

Despois da presentación, os autores da obra farán un recital musical en homenaxe ao gaiteiro local de Lobeira Libardón, cuxa imaxe inédica ilustra o cartaz da quinta edición das Xornadas de Cine Etnográfico Xoaquín Lourenzo.

Homenaxe a Plácido Romero

Seguindo a xornada terá lugar unha homenaxe ao activista cultural, mestre e cineasta, Plácido Romero Bernardo, falecido o ano pasado, veciño de Lobeira e director e productor de filmes do audiovisual galego como Cesteando, O tempo na Luparia e Pretérito Imperfecto. A homenaxe rematará coa proxección dun filme sorpresa que porá fin á xornada.