Antonio Trigas é gandeiro polas mañás e traballa na hostalería polas tardes

La Voz

OURENSE

Antonio Trigás adícase a criar vacas polas mañás e pola tarde atende o bar Capri no Carballiño
Antonio Trigás adícase a criar vacas polas mañás e pola tarde atende o bar Capri no Carballiño B. María

O home pásase o día na aldea coidando das súas vacas antes de ir ao seu traballo no bar Capri do Carballiño

17 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Trigas criouse entre animais na aldea da Fraga en San Cosmede de Cusanca no Irixo. Cumpridos os seus vinte anos, marchou por necesidade a Suíza, pero alí non atopou o seu sitio rodeado do aire da fábrica onde entrou a traballar. Pasado o tempo, volveu a casa e, con 33 anos, asociouse con Carlos Fariñas para atender o bar Capri do Carballiño polas tardes, ata a hora do peche. Aínda que o traballo cara ó publico custoulle nun principio, agora, tres décadas máis tarde, Antonio xa sabe o que van pedir os seus clientes habituais nada máis estes poñen un pé no local, e conversa con eles coma se todos foran parte da mesma familia. Gústalle servir na barra, pero despois dun longo período facéndoo, pensou que estaría ben ter unha actividade que o mantivera ocupado durante as mañás.

Foi no campo onde Antonio atopou o seu propósito. Antes da pandemia, regresou a súa aldea natal logo de moitos anos sen ir e atopouna completamente abandonada. Ese día engadiu aos seus plans un novo obxectivo: non só necesitaba un pasatempo, senón tamén unha escusa para revivir A Fraga. Tomou a decisión de pasar o tempo coidando cabras, tanto porque lle gustan como porque son animais que o axudan a limpar o monte. Pero nunca podería predicir o seu tráxico destino: «Un día apareceron mortas. Tiven outras despois, pero ocorreu o mesmo. Eu sospeito dos cans salvaxes da zona». A raíz deste suceso, Antonio díxolle adeus ás cabras e adoptou catro tenreiros. Agora adícase a criar vacas. Ten doce en total, e máis un boi e un touro.

Actualmente, mantén a súa rutina de gandeiro polas mañás e hostaleiro polas tardes. Compaxina ben ambos traballos, aínda que ten predilección polo primeiro: «Poderei xubilarme do bar, pero nunca das vacas».