Do Son da Estación á romaría de San Roque: dez días de música, cultura e tradición veciñal
A RÚA

A Rúa prepárase para un agosto cheo de actividades que combinan novos talentos, folclore internacional e iniciativas impulsadas pola comunidade local
06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Co verán no seu punto álxido, na Rúa prepáranse para un mes de agosto cheo de actividades que combinan música, tradición e participación veciñal. Ao longo de dez días, diferentes espazos do municipio converteranse en escenario para unha programación diversa e pensada para todos os públicos.
A primeira gran cita será O Son da Estación, un evento musical que naceu en 2024 co obxectivo de visibilizar o talento emerxente galego. Financiado por Turismo de Galicia e outras entidades, o festival terá lugar o 15 de agosto na Praza da Estación, e contará coas actuacións de Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e Killvir DJ, nomes que xa comezan a destacar no panorama musical galego.
Ao día seguinte, o 16 de agosto, o escenario mudará de estilo para acoller unha xornada de folclore internacional, coa participación de grupos de Ucraína, Arxentina e Filipinas, nunha mostra da diversidade cultural que acompaña estas festas.
O protagonismo pasará entón á Asociación Cultural Sabugueiro, que o 17 de agosto recupera unha das tradicións máis queridas da veciñanza: a romaría popular de San Roque, un xantar campestre no propio campo do santo, ao que seguirán varias xornadas de celebración. Para Anabella López, membro da asociación, este evento representa a esencia da festa de pobo: «Pensamos que coa romaría conseguimos acercarnos a ese sentimento, que os mesmos veciños que pagan a festa teñan un lugar de reunión e un momento de compartir unhas vivencias».
A celebración deste ano tamén ten un carácter especial, xa que funciona como un ensaio para futuras edicións máis ambiciosas.«Iste ano é unha proba para ver como responde a xente. A idea é que, se todo vai ben, no futuro poidan incorporarse postos de artesanía, xogos populares e outras actividades», explica López.
A financiación é sempre un tema complexo para festas pequenas organizadas desde o tecido veciñal. Neste caso, a clave está na implicación directa da comunidade: «La financiación que tenemos proviene, fundamentalmente, de las aportaciones de la gente del pueblo y de las actividades que impulsamos desde la asociación a lo largo del año».
Do 22 ao 25 de agosto, a Rúa Vella vibrará coas Festas de San Roque, cheas de verbenas e encontros veciñais que cada ano atraen a centos de persoas, poñendo o broche final ao verán.