Inés Rodríguez, de Rir&Co, amosa hoxe no mercado de artesanía Arte de Man en Allariz o seu traballo co tear
10 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.As prazas Maior e de Abaixo de Allariz terán hoxe (de 11.00 a 20.00 horas) unha actividade constante arredor da artesanía. Celébrase unha nova edición do mercado Arte de Man, no que expoñen e venden as súas creacións 37 artesáns do municipio e do resto de Galicia. Entre os participantes nos obradoiros que completan o programa está a tecelá alaricana Inés Rodríguez (1973), que traballa elaborando novos tecidos, unindo tradición e innovación, no seu tear manual.
-Como se iniciou nesta faceta?
-Agora son funcionaria en excedencia por conciliación familiar. Cando fixen a oposición non era vocacional, era para poder estudar Belas Artes. Quedoume o gustiño polo artístico. Logo estiven fóra e vin que o goberno de Canarias tiña un programa de recuperación de tradicións no que formaban a xente moza. Empecei por aí, como un hobby e cando volvín a Galicia decidín retomalo. Fixen cursos, teño a dobre carta de artesá, metinme no sector e coñecín distintas técnicas e a innovación. Desde hai un par de anos dedicámonos a facer tecidos para empresas ou deseñadores. A actividade de Rir&Co xa é continua.
-Combina entón a tradición do tear coa innovación?
-A parte tradicional é a base nos debuxos e cores. O tear é absolutamente manual pero para ser competitivo non podes ser tradicional cen por cen. Os tempos son máis rápidos e as fibras son distintas, aínda que buscamos as fibras naturais e usamos por exemplo bambú e tamén un tecido con fibra óptica que temos rexistrado como I+D. Pero o traballo é manual e cada peza, distinta. A artesanía ten o toque manual da persoa que o está facendo, ademais do valor etnográfico e cultural daquel lugar. Nós tratamos de recoller o que ten que ver con Galicia, a súa cultura, os debuxos, as nosas herbas.
-Tamén traballa para deseñadores. Que queren eles do traballo artesán?
-Cada peza é única desde o principio, desde que elixes o fío. As grandes firmas utilizan a artesanía para recuperar a esencia e tradición. Colaboramos con Leandro Cano para a Madrid Fashion Week e tamén con pequenas firmas que fan coleccións reducidas en Madrid. Os deseñadores buscan en nós tecidos que non atopan no mercado. Traballamos moito coas escolas de moda de Galicia. Temos pequenas coleccións para investigar e ofrecer a outros profesionais, como bolsas, que se poden adquirir online. Facemos diantais, panos de liño e uniformes para dous cociñeiros do grupo Nove.
-Que ensinará no obradoiro de hoxe?
-É con teares manuais para concienciar aos nenos e que vexan o traballo que dá facer un anaco de tecido fío a fío. Poden tocar todo, facemos exposicións de fibras e un obradoiro de fieltro con lá mollada. Cada peza que fan, lévana ao rematar. É moi grato.
-O mercado Arte de Man axuda ao sector?
-Allariz ten un potencial grande, hai moitos artesáns. Está collendo un pulo e intentando abrirse a novos artesáns e que veña xente con calidade.