«Se volvera ser nova, sería granxeira, e cando a filla dixo que quería seguir non me deu disgusto ningún»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

De tal palo tal astilla. Explotación de ganado vacuno en ecológico en Torneiros, Allariz
De tal palo tal astilla. Explotación de ganado vacuno en ecológico en Torneiros, Allariz Miguel Villar

Pais e fillos producen leite ecolóxico en Allariz e envasan a marca propia Ecoleia

13 sep 2021 . Actualizado a las 20:27 h.

A historia de Carmen Cid e Marcos Quintas coa explotación gandeira de leite ecolóxico que teñen en Torneiros, Allariz, é a dunha vivencia e dunha convicción. Ambos medraron na granxa que seus pais fundaron en 1989. Dese momento fala Mari Carmen Álvarez Coello, nai de Carmen Cid: «Estivemos emigrados en Suiza dous anos e viñemos de volta. Cos pais de Marcos empezamos traballando xuntos. No ano 1989 fundamos a sociedade, eramos tres socios. É máis fácil levar unha explotación entre varios, da algo de xogo se tes que librares un día ou faceres un traballo extra». Ela sigue traballando na explotación, mentres que seu marido, Manuel Cid, xa está xubilado. No caso de Rosa Rodríguez, nai de Marcos, apunta que se enrolou na sociedade co seu marido, xa falecido, cando ela tiña corenta anos e o fillo era pequeno.

Empezaron con 20 ou 25 vacas, compraron corenta máis e foron criando. Naqueles primeiros anos non existía a produción ecolóxica co selo oficial pero xa desde o ano 1995, indica Carmen, lle estaban «dando voltas» para formar parte dunha cooperativa máis enfocada cara «o natural». Pero foi a partires do 2005 cando empezaron coa produción en ecolóxico. «As vacas dan menos leite se só comen herba e ao principio era complicado ter millo suficiente sen botarlle herbicida», apunta. Co asesoramento do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM), puideron aumentar a produción de forraxe ecolóxico, empregando a rotación de cultivos.

Os fillos de Mari Carmen e Manuel puideron facer estudos superiores: a filla, Económicas e o fillo, Física. «De pequenos axudaban e van acostumbrados a isto, pero traballar nun posto é outra cousa. Sempre pensei que prepararse é importante e logo hai que traballar no que gusta ou teñas a oportunidade. Cando Carmen dixo que quería seguir nisto, non me deu disgusto ningún. Eu se volvera ser nova, volvería ser granxeira», afirma Carmen. A filla decidiu dar o paso de continuar coa explotación ao voltar de estudar de Compostela, cando os socios fundadores se ían xubilar. Marcos estudara Mecánica e di que «non hai un momento puntual para empezar, vai xurdindo».

Coa entrada da segunda xeración, deron o paso a envasar a súa propia marca, Ecoleia. Tiveron que modificar a idea inicial de envasar en crú e cristal para facelo con leite pasteurizado e en botella de plástico, pero siguen coa distribución propia, en puntos de venta da provincia de Ourense, desde a cidade ata Verín. «De momento vai lento, pero seguro. Estamos contentos». A produción total anual é duns 420.000 litros de leite ecolóxico e envasan ca marca propia uns 73.000 litros. «Desde o 2013 imos medrando uns trece mil litros cada ano», indica Marcos. Ata o ano pasado, que se freou polo covid ese ritmo de crecemento e inda non se recuperou de todo, aclara.

Dos familias de Torneiros, Allariz, gestionan la explotación de vacuno para producir leche ecológica
Dos familias de Torneiros, Allariz, gestionan la explotación de vacuno para producir leche ecológica Miguel Villar

Respecto ao consumo deste tipo de leite no que se ten en conta o respecto á terra para a nutrición e o benestar dos animais, Carmen considera que vai habendo máis «consciencia». Tamén as grandes cadeas de distribución teñen xa lineais de produtos ecolóxicos, engade Marcos. Ambos coinciden en que, para dedicarse a producir cunha explotación ecolóxica ten que ser «por ideais». «Economicamente, é máis viable o convencional, se produces en ecolóxico é porque cres niso», analiza. En convencional, explica, non necesitarían traballar tantas terras. Actualmente teñen cen hectáreas para abastecer a granxa de forraxes propios. En Ourense, apunta Marcos, «hai tal abandono, que hai terras, pero o minifundio é un problema». Das cen hectáreas, setenta están na comarca da Limia. «Quitando nove fincas, quedarían 35 hectáreas repartidas en 300 fincas. Para pastoreo, é inviable traballalas. É necesaria unha sensibilización sobre o solo para que economicamente sexa viable traballar aquí», considera Marcos. Cada explotación é un mundo, pero os custos de produción en Ourense son altos porque precisan ter maquinaria para traballar as terras e asegurar a forraxe nos meses de inverno e verán nos que, pola climatoloxía ourensá, non hai pasto suficiente.

Unha explotación de ciclo pechado, desde a forraxe ata a distribución

Rosa Rodríguez apunta que, mentres traballou na explotación, facía un pouco de todo. «Eu traballaba como me mandaban, ao principio facíamos de todo», di. Trae aos netos, Mario de cinco anos e Sabela, de dous, os fillos de Marcos, que reciben mimos e atención de todos. «Marcos andaba metido entre as vacas, de pequeno só quería que comeran as nosas e era louco pola maquinaria», lembra a nai. Rosa e o marido xa tiñan unhas poucas vacas en Torneiros ata que crearon a sociedade e a granxa medrou. Agora teñen 64 as vacas en ordeño, indica Mari Carmen Álvarez.

Todos seguen facendo un pouco de todo, din, aínda que Marcos ocúpase máis das tarefas do campo e Carmen, da distribución, que a leva de ruta, baixo pedido, dúas veces por semana. Así completan o ciclo pechado. Un exemplo real de economía circular e produto de quilómetro cero.

Ela di que o ter feito uns estudos previos lle influíu: «Todo o que aprendes, sabes e vives inflúe na túa vida Hai que ver o lado positivo e sacarlle proveito». No seu caso segue a aprender, tamén na súa afección pola música. «Xa probei dez instrumentos, pero a gaita é o meu. Tócoa desde os dez anos».

Quen son

Os pais. María do Carmen Álvarez Coello, 62 anos, seu marido, Manuel Cid, xa xubilado, xunto con Rosa Rodríguez Pacheco, de 74 anos, e o seu marido, falecido, foron os fundadores da sociedade SAT Torneiros.

Os fillos. Mari Carmen Cid, 43 anos, e Marcos Quintas Rodríguez, de 38, colleron a testemuña dos pais cando estes se xubilaron.