José Luis Mascareñas recolleu o premio Vila de Vida que otorgou o Concello para recoñecer a súa traxectoria
17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Soou El sitio de mi recreo, de Antonio Vega, ó comezar o acto e foi toda unha declaración de intencións. A entrega do premio Vila de Vida do Concello de Allariz ó químico José Luis Mascareñas converteuse nun repaso polos seus sentimentos, pola súa infancia e xuventude. Tras unha vida chea de recoñecementos e premios, como a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Química, Mascareñas quedou abraiado polo cariño que os seus amigos da infancia, a súa familia e os veciños de Allariz lle transmitiron no acto, nun salón de actos do Fogar do Maior que estivo abarrotado. Os seus compañeiros da escola recordaron como era entón o Masqui, como lle chamaban. Un neno curioso, humilde, que vía o que outros non ven. Todos coincidiron ó sinalar que a infancia foi fundamental na súa vida. Algo que el corroborou. O pracer que sentía ó pasear polo Arnoia e o seu gusto pola pesca tamén estiveron presentes, da man dos seus amigos. Una afección que o Concello de Allariz animou a non abandonar regalándolle alí mesmo unha cana de pescar. Tamén se descubriu a súa parte académica da man de, entre outros, Paul A. Weber, un do seus mestres en Stanford, que destacou a súa creatividade e gañas de aprender, así como todos os seus éxitos. Entrou a través dun vídeo como o fixeron amigos, familiares e compañeiros de traballo que destacaron de José Luis a súa determinación, bondade, calidade humana e humildade.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou o orgullo que supón para a vila entregar o premio Vila de Vida a Mascareñas e a complicidade das persoas que o coñecen para facer de onte un día inesquecible. «Este é un acto de Allariz e dos seus veciños para un alaricán excepcional. Non é certo iso de que ninguén é profeta na súa terra», dixo. Lembrou que Mascareñas non so imparte coñecemento senón que o crea e subliñou que a pesar do seu intenso traballo sempre tivo tempo para a súa familia, o que da conta da súa humanidade. Tamén destacou o papel dos seus pais, como os de toda esa xeración, que quixeron que os seu fillos estudaran.
Pechou o acto José Luis Mascareñas, visiblemente emocionado e sorprendido de ver tantas caras coñecidas entre o público. «Nin nos meus máis fantasiosos soños puiden imaxinar isto», dixo. E describiu os seu sentimentos como unha tormenta de endorfinas. «A infancia en Allariz forxou a miña personalidade. ¡Que nostalxia! A vila nos anos 70 ou 80 era apacible, vivíase en harmonía. Para min era como un parque de atraccións con castelo incluído. O ambiente era inspirador, clave para quen apostara polas ciencias», sinalou.