
Naceu en A Merca, foi profesor de instituto e fixo unha importante labor social
22 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Que descanse en paz o traballador fiel e prudente da viña do Señor, José Canal Sánchez. Mañá pola tarde, ás 15.45 horas, será o funeral seu eterno descanso na parroquia de Santa Eufemia do Centro. Naceu en San Andrés de Zarracós (concello da Merca) o día 4 de xaneiro do 1931,
Pasou os seus anos de nenez e mocidade no pobo de Corbillón (concello da Merca). Cursa os seus estudos no Seminario. Foi ordenado sacerdote o día 29 de Xuño de 1957. A súa misión pastoral foi ampla: vicario parroquial de Santo Domingo de Ribadavia, párroco de Santa María de Barxés, párroco de Santo Tomé de Maside. Párroco de Allariz dende o 22 do setembro do 1976 ata a súa xubilación. Profesor de Relixión no IES de Allariz dende o 1 de outubro do 1983 ata o 30 do setembro do 1996. Membro do colexio de arciprestes, membro do Consello presbiteral e moderador do mesmo. Administrador parroquial de San Miguel de Torneiros.
Onde máis tempo pasou vivindo a seu ministerio sacerdotal foi en Barxés e en Allariz. Traballou moito e ben en Barxés. Os «estudantes» dos anos sesenta e setenta foron promocionados por el e pasaron pola academia de verán, montada na casa reitoral. Hoxe son veterinarios, médicos, profesores, curas, alcaldes. A súas relacións ecuménicas: amizade e espírito de servicio coa comunidade evanxélica de Taboadela (Barxés). O seu traballo social: pistas, Carreteiras, electrificación, condución de augas a os pobos, instalación en cada casa... E tamén teleclub, teatro, campo de fútbol no Outeiro, excursións, programacións de festas.
Pero o seu labor en Allariz foi encomiable: labor litúrxico (coidado e esmero nas celebracións da Eucaristía, preparación para o bautismo, para a primeira comuñón, para a confirmación, para o matrimonio, para axudar ós enfermos. Algo que a D. José sempre lle preocupou: que ninguén morra sen os auxilios cristiás. E sempre simpatizou cos nenos e cos mozos, cos maiores e cos enfermos. Labor profética (coidada predicación e quería predicadores ben preparados na súa parroquia), Labor catequética (catequistas, espazos adecuados, medios oportunos). ¡Canto suor, cantas bágoas, canta ilusión e alegría! O seu gran labor de Cáritas e a súa acción social a favor dos máis necesitados, ¡que tan ben comprenderon as autoridades locais, prestándolle a axuda rápida e eficaz! A unidade da vila, máis alá de credos, de ideoloxías, de culturas ou razas.
D. José foi un home do tempo e para o tempo. Practicaba o deporte na súa época de mocidade (fútbol, pesca, sendeirismo, viaxes culturais, peregrinacións); exercicios espirituais con periodicidade, formación permanente dos sacerdotes. Labor de arcipreste, contacto cos sacerdotes e, si for posible, rematando con unha brisca, un tute ou tresillo. Cine e teatro. Radio e televisión nos tempos libres (a primeira televisión que se viu en Barxés construíuna o Sr. Cura: era polos primeiros da década dos sesenta e os nenos vimos na reitoral «Bonanza» e tamén «Había unha vez un circo...» grazas a iso. El utilizou o ordenador e as técnicas audiovisuais: editaba a súa folla parroquial e usaba as redes audiovisuais. Nunca deu a coñecer estas habilidades, pero era práctica común que utilizaba para as catequeses e para as celebracións máis solemnes.