O Festival RiR de Allariz inagurarase con «A lingua das bolboretas», no 25 aniversario da película rodada na vila

La Voz OURENSE

ALLARIZ

Rodaxe de «A língua das bolboretas» en Allariz.
Rodaxe de «A língua das bolboretas» en Allariz. Santi M. Amil

O cartel da cita foi deseñado pola ourensá Soraya Picouto

25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival RiR inaugurará a súa oitava edición o 30 de agosto cunha xornada dedicada ao 25 aniversario do filme A lingua das bolboretas, do director José Luis Cuerda, obra moi vinculada a Allariz polo recordo que deixou a súa rodaxe entre os veciños da vila. O festival concederalle este ano o seu premio honorífico «Rir Contigo» a Xosé Lois González pola súa traxectoria como viñetista. A directiva do festival decidiu por unanimidade outorgarlle este recoñecemento. O galardón entregarase o sábado 6 de setembro ás 20.30 horas durante a gala de premios, que será retransmitida por streaming na canle oficial do festival.

Nesta edición, o cartel oficial foi deseñado pola ourensá Soraya Picouto. «No deseño deste cartel quixen representar o que a cultura —e en especial o humor— pode facer por nós: devolvernos a cor cando todo semella gris. Regar con risas e emocións é un acto revolucionario. Como deseñadora é un privilexio poñer a miña creatividade ao servizo dun festival que aposta pola cultura con sentido», explicou.