E despois das Letras, ¿todo acaba?

María Hermida, M. Cobas PONTEVEDRA, OURENSE

CELANOVA

O neto de Xesús Ferro Couselo, no despacho do Arquivo Histórico de Ourense, onde ten fotos do avó.
O neto de Xesús Ferro Couselo, no despacho do Arquivo Histórico de Ourense, onde ten fotos do avó. miguel villar

¿Esmorece o recordo tralo ano de gloria? Contestan persoas vencelladas a autores que tiveron 17 de maio

19 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonte, co subidón das Letras Galegas enriba, ata políticos madrileños colgaban nas redes poemas de Manuel María. As verbas do xenial poeta da Terra Cha vivían o seu gran día de gloria. Xa na resaca das celebracións, toca facer unha pregunta: ¿Canto tempo se manterán as iniciativas para divulgar esa obra tan valiosa? En lugar de adiviñar o futuro, e dado que a historia soe repetirse, nada mellor que mirar ao pasado para obter respostas. ¿Que ocorreu cos autores ourensáns que tiveron o seu propio 17 de maio? E ninguén mellor que os seus familiares para contalo. Cada caso é distinto. Pero hai algo que os iguala: todos os descendentes de escritores cren que unha homenaxe coma a das Letras Galegas supón un punto de inflexión para que a colectividade teña presente a un ilustre. No que difiren algo máis é en se iso prolonga o recordo no tempo ou é flor dun día.

Galicia lembrou a Xesús Ferro Couselo, natural de Valga e logo veciño de Ourense no ano 1996. Daquela, o seu neto, Pablo Sánchez Ferro, era un mozo. Pero recorda o que supuxo para a familia: «Vivímolo con moito agarimo. Estivemos moi ben tratados polas institucións». Vinte anos despois, sen enfado pero con algo de mágoa, lamenta que esa lembranza se fora perdendo no tempo. Recoñece que o Concello de Valga así como entidades do municipio si se esforzan por mantela viva, por exemplo, cun premio que leva o seu nome, pero botou de menos que non se fixera algo máis no centenario do seu nacemento. «Creo que é algo que pasa cos demais autores. É unha pena que todo o que se fai no seu ano, dalgunha maneira, non se prolongue máis», di. Fala Pablo dende un despacho moi especial. Dirixe o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, fundado polo seu avó. De feito, varias fotos do ilustre historiador e investigador observan a Pablo a diario mentres traballa. El confesa: «A veces míroas e dígolle... A ver avó, bótame unha man».

Antes do día de Ferro Couselo, as Letras recordaron a Celso Emilio Ferreiro. Foi no 1989, cando se cumprían dez anos do seu pasamento. Foi unha efeméride que a familia recibiu con «moito agarimo», recorda o seu fillo Luís. Agarimo, di, polos actos e polo movemento que houbo arredor da figura do poeta de Celanova. Pasou no 1989 e tamén no 2012, declarado Ano Celso Emilio. Asegura que ambas datas estiveron vencelladas a unha subida nas ventas, pero acto seguido remarca aquilo de que «falamos de poesía en galego», coas cifras que iso poden supor. Lonxe está CEF de ser un autor de masas, ao que se suma o feito de que non hai novidades. «O que hai é reedicións, e iso é o importante», resalta o fillo, que sinala como dato que Longa noite de pedra vai pola número 35. «Esgótanse os libros cada tres anos», di. Ademais, nestes anos medrou o interese dos colexios polo poeta celanovés. A editorial Luis Vives publícao para os colexios de Maristas.

Pero non todo é bo. Luís Ferreiro compara as Letras co Sant Jordi catalán (festa da que puido gozar en persoa) e a conclusión é clara: «Aquí, as librarías ese día están pechadas. É unha contradición. É algo que din os propios libreiros».

Un ano antes, outro ourensán foi o protagonista. Foi Ramón Otero Pedrayo. Encárgase do seu legado a fundación que leva o seu nome e que ten a Patricia Arias como secretaria. Resalta o papel do Día das Letras, pero ao tempo remarca que «a cultura sigue viva todos os días». No caso de Otero Pedrayo, desde a fundación todos os anos publican algo. Sendo un dos nomes máis coñecidos da nosa literatura, Arias lamenta que «é unha persoa moi pouco lida; moi pouca xente vai lendo a Otero Pedrayo no tren».

En Ourense, máis alá deses tres, tamén tiveron o seu 17 de Maio Manuel Curros Enríquez (no 1967), Florentino López Cuevillas (1968), Valentín Lamas Carvajal (1972), Vicente Risco (1981), Antón Losada Diéguez (1985), Eduardo Blanco Amor (1993), Roberto Blanco Torres (1999, non naceu na provincia, pero finou en Entrimo), Eladio Rodríguez González (2001), e Xaquín Lorenzo, Xocas (2004).