
A asociación de Amigos da Banda de Música de Celanova cumpre cen anos en plena forma e en proceso de renovación
14 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación de Amigos da Banda de Música de Celanova cumpre cen anos en plena forma e en proceso de renovación. O colectivo nacía no ano 1920, setenta anos máis tarde dos inicios da Banda de Celanova, datada en 1850.
A creación da entidade de apoio aos músicos coincide coa época de posta en marcha da agrupación musical máis sólida e con continuidade ata a actualidade, despois de vivir non poucos altibaixos. Ao longo de cen anos, a sociedade, primeiro, e despois a asociación de Amigos, viviu tamén épocas de maior e de menor actividade e non estivo exenta dalgunha crise e incluso ameaza de desaparición.
Importante mérito e do que poucos poden presumir: chegar aos cen anos de vida apoiando a unha das formacións musicais máis veteranas e de máis calidade de toda Galicia.
Con recoñecementos internacionais, ten actualmente como director a Miguel Pérez Lorenzo. Unha entidade sen ánimo de lucro, que xestiona unha Escola de Música con 200 alumnos e ten nada menos que 700 socios colaboradores. Foron presidentes do colectivo nestes cen anos nomes de recoñecidas persoas na vila de Celanova, como José Rivero, Delfín González, Julio Carrazoni, Julio Álvarez, Ricardo Soto Martínez, Manuel Fernández Pérez, Julio Rodríguez Anta, Manuel Martínez Casal, Fernando Castro ou Manuel Araújo ata chegar a Ernesto Fernández Pérez, actual presidente, que convocou o proceso de renovación de cargos, o que posiblemente traerá unha nova persoa á presidencia.
Medio Celanova é socio activo deste centenario colectivo que tamén ten socios en distintas partes do mundo, sobre todo en América, onde moitos dos celanovenses que emigraron seguen a pagar anualmente a cota de asociados para que a Banda de Música de Celanova teña un prometedor futuro. Despois do parón obrigatorio polo coronavirus, a Banda de Celanova volve a sonar con forza polas rúas da vila, apoiada pola asociación centenaria.