Ramón Caride presenta en Celanova unha antoloxía poética de sete das súas obras

A. Mínguez OURENSE

CELANOVA

Trátase dunha publicación bilingüe, con 39 composicións, editada por Juglar e prologada por Vicente Araguas.

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa natal de Curros Enríquez de Celanova acolleu a presentación do último libro de poemas do autor natural de Cea e asentado entre Cambados e Maceda, Ramón Caride Ogando, unha antoloxía de sete obras publicadas dende 1994. Trátase dunha publicación bilingüe, con 39 composicións, editada por Juglar e prologada por Vicente Araguas. Na súa extensa produción literaria destacan sobre todo libros de narrativa e de literatura infantil e xuvenil, aínda que recoñece non ter deixado nunca a poesía, malia os longos períodos temporais sen publicar.

O autor estivo acompañado polo escritor de Ramirás, Xoan Carlos Domínguez Alberte, e pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño González, que ademais de comentar a antoloxía, tamén leron textos seleccionados de “Indehiscencia”. Para Domínguez Alberte a lectura desta obra provoca “acougo e reflexión” dentro da viaxe retrospectiva do autor, no proceso de “desandar pasos”, ao optar por incluír os textos máis recentes nas primeiras páxinas e os máis antigos as últimas. Mociño González destacou o carácter “irónico e divertido” dalgúns dos poemas con trazos filosóficos que permiten unha fácil lectura, fronte a outros de marcado ton narrativo.

Ramón Caride manifestou a satisfacción de que haxa lectores da súa poesía irracional e leu algúns poemas, entre eles a “Idea para un guión de vídeo”, que nun descarnado ton lírico trata a morte por atropelo dun gato nas proximidades da praia pontevedresa da Lanzada, que de non ser por esta obra “ninguén tería escrito”. Xustificou que o número de poemas antologados sexa 39, como homenaxe a unha obra do autor cubano, Nicolás Guillén, e sobre o título dixo que “é un termo científico” que fai xogo coa súa formación como biólogo, aínda que non fora a súa primeira opción, mais co que se sente “moi contento”.