
A exposición «Vangardas Rurais» recolle máis de trinta anos de fotografía íntima e comprometida co territorio da Baixa Limia
17 jul 2025 . Actualizado a las 21:13 h.A beleza silenciosa do rural galego cobra vida na exposición fotográfica Vangardas Rurais, unha mostra que recompila máis de tres décadas de traballo do fotógrafo Antonio Álvarez. A través do seu obxectivo, o autor ofrece unha ollada íntima e comprometida sobre o Parque Natural Baixa Limia?Serra do Xurés, territorio que non só habita, senón que interpreta.
Desde os seus primeiros disparos, Álvarez deixou claro que a súa cámara non era só unha ferramenta técnica, senón unha extensión da súa percepción emocional. «Ando na procura de gravar emocións, sexan reais ou imaxinarias. O que sucede detrás da cámara tamén queda gravado na toma”, afirma. Esa mirada introspectiva é o fío condutor da exposición, que percorre a súa evolución artística e vital.
Vangardas Rurais amosa unha crónica visual da Galicia profunda: paisaxes, arquitecturas tradicionais, detalles que moitas veces pasan desapercibidos. Mais lonxe dunha visión idealizada, Antonio ofrece unha poesía visual austera e sen artificios, onde o verdadeiro protagonista é o rural: complexo, real, fermoso e, con frecuencia, esquecido.
Ao longo da súa carreira, incorporou novas tecnoloxías ao seu traballo, mais sen perder a súa esencia. «As tecnoloxías inflúen sobre todo diminuíndo o tempo de execución do traballo, pero no meu caso apenas afectan no proceso creativo», explica. Para el, o proceso artístico está tan vinculado ao territorio como a propia experiencia de vivir nel. «Supoño que tanto a fotografía coma vivir no rural te acaban levando a un estado de introspección continua, que no meu caso remata nun concepto que sería que o observador, o observado e o proceso de observación son a mesma cousa.»
As fotografías de Álvarez tamén dialogan cunha certa espontaneidade, cunha sensibilidade especial para detectar o instante. «As veces planificas unha fotografía e vas a un sitio en concreto a unha hora determinada, pero moitas veces é o espazo o que te atopa a ti: unha luz especial no ceo indícache que sería bo coller a cámara e tentar captar ese momento.»
Ademais, non é alleo ao futuro do rural galego no ámbito artístico e audiovisual: «Cada vez atópome con máis rodaxes feitas en entornos naturais da nosa terra, que ten infinitos recunchos incribles. Creo que a Galicia rural e o mundo audiovisual teñen unha gran relación.»
Nas súas influencias recoñece nomes internacionais como Man Ray, Richard Avedon ou Chema Madoz, pero é na proximidade onde atopa as raíces do seu compromiso. «Se tivera que falar dos que realmente máis me influíron e me convenceron de seguir na senda da fotografía serían José Luis Montero (Celanova) e, dende logo, Darío Muñiz (Allariz).»
A exposición está aberta ao público na porta de Entrimo, e proximamente tamén no Festival de Curtas, convidando a visitantes e amantes da fotografía a descubrir a forza e a maxia do rural galego que segue deixando pegadas nos máis curiosos.