Rebeca Sotelo, alcaldesa de Cenlle: «A andaina solidaria anual reúne incluso a moita xente de fóra»
CENLLE
![A alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo](https://img.lavdg.com/sc/6OehDuWf6Q5Lg0YsD63iT60efnI=/480x/2024/04/10/00121712772661849997862/Foto/O19O2014.jpg)
Este domingo celebran a edición número 13 recaudando fondos para os nenos en situación de vulnerabilidade
11 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Cenlle celebra este fin de semana a súa andaina solidaria anual, que organiza dende hai máis dunha década. Será o domingo pola mañá, animada polo bo tempo. Os dorsais poderán recollerse no Concello, na biblioteca ou unha hora antes no punto de saída. O prazo de inscrición finalizou con grandes expectativas por parte do goberno local, que segue apostando cada ano por esta iniciativa para xuntar os valores do deporte, a solidariedade e o voluntariado, como explica a alcaldesa Rebeca Sotelo.
—En que consistirá a andaina deste ano?
—A andaina anual será este domingo 14 de abril ás 09.30 horas. Sairá e chegará ao campo de fútbol. Haberá dous recorridos, un de 11 quilómetros e outro de 18. O diñeiro estará destinado ao programa «Infancia con dificultades», de Cruz Vermella da delegación de Ourense. A cota para participar son sete euros e dous se destinan a causa solidaria. Ademais ao final do acto tamén haberá pinchos e sorteos entre os asistentes.
—Que é o programa «Infancia con dificultades»?
—Consiste nun programa de axuda para os nenos en situación de vulnerabilidade, neste caso cos que traballan os voluntarios da sede de Ourense.
—Será entón máis especial a participación dos nenos este ano.
—Si e adoita haber unha boa participación. Algúns camiñan en familia pero temos unha ludoteca para que se poidan quedar os nenos dos participantes adultos mentres van facer a andaina e ademais hai un recorrido para os máis pequenos. É unha ruta de dous quilómetros, recomendada para idades de entre catro e 12 anos.
—A andaina vai pola súa edición número trece, foron crecendo os participantes?
—A verdade é que ten moito éxito, apúntase moita xente. Veñen os veciños do concello, dos limítrofes e incluso xente de fóra, dende outros puntos de Galicia como pode ser Vigo. A media de participantes foi entre 500 e 600 persoas pero hai edicións nas que chegamos ao milleiro. Este ano esperamos mínimo 500.
—Sempre se colabora co mesmo proxecto?
—Non, imos cambiando cada ano para recadar fondos para unha iniciativa diferente. O ano pasado foi para o proxecto Alpha, da asociación de distrofia muscular de cinturas por déficit de sarcoglicanos, ou tamén colaboramos por exemplo coa asociación de persoas autistas.
—A xente conciénciase coas iniciativas?
—Si, cremos que si conseguimos que se dean a coñecer as iniciativas de cada ano entre os participantes da andaina, que colaboran con ganas en cada causa.