
A actual acaldesa, que xa exercía o liderado do partido en funcións, foi ratificada no cargo pola militancia
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Rebeca Sotelo Fernández, a actual alcaldesa do municipio de Cenlle, é desde este sábado a presidenta oficial da agrupación local do Partido Popular neste municipio. Sotelo, que exercía o cargo en funcións, logrou o respaldo maioritario dos afiliados no congreso celebrado na Casa do Pobo de Laias. A súa traxectoria política iniciouse en 2015, formando parte da lista do PP nas eleccións municipais dese ano. No 2019 pasou a ocupar a tenencia de alcaldía e, en outubro do 2022 accedeu ao sillón da alcaldía. Empresaria do mundo da viticultura, foi a primeira muller en ocupar ese cargo no municipio. En 2023 encabezou por primeira vez a candidatura do PP e logrou a maioría absoluta.
O congreso no que foi proclamada presidenta da agrupación local contou coa presenza do presidente provincial do PP, Luis Menor, quen lle desexou «longa traxectoria política» destacando o seu «espírito traballador, de proximidade e diálogo». O presidente provincial lembrou aos presentes que, alén do ámbito municipal «formamos parte dunha estrutura moito máis ampla», e pediu pediu compromiso co traballo local para que «a xente vexa e confíe nun partido unido e estable», dixo aludnido tamén á forte implantación do PP en toda a provincia. «Rebeca ten bos mestres», afirmou Luis Menor lembrando a longa traxectoria de Manuel García Montero, alcalde durante 42 anos, e gabando a súa valía como político local, «que é onde se forxan os líderes fortes», dixo. Tamén mencionou a Gabriel Alén, exalcalde e actual director xeral de Comercio e Consumo, quen logrou tres maiorías absolutas antes de ser chamado á política autonómica como delegado territorial da Xunta.
Rebeca Sotelo, pola súa banda, agradeceu o apoio da militancia e dos compañeiros de partido que acudiron ao congreso e pediu colaboración para facer que as siglas do PP «transcendan máis aló da política e que a xente se achegue a nós porque saben que imos escoitalos e procurarlles solucións». Entre os seus principais compromisos, destacou a loita pola creación dunha residencia de maiores, unha das demandas, dixo, máis repetidas pola veciñanza.