
A música será protagonista esta fin de semana na localidade
23 jul 2025 . Actualizado a las 17:21 h.Manzaneda vivirá esta fin de semana unha intensa programación cultural e musical centrada na tradición galega. O sábado 26 a Praza da Igualdade acollerá, a partir das 19.30 horas, o serán da Seitura, un encontro dedicado a poñer en valor os cantos tradicionais das Terras de Manzaneda e Trives. A cita contará coa participación dunha ducia de cantareiras e cantores, e incluirá unha homenaxe póstuma a Jacinta Fernández Alonso, recentemente falecida.
A música continuará coa Noite Celta na estación de montaña a partires das once. O festival ofrecerá actuacións de diferentes bandas de gaitas e grupos, nunha velada que promete ser un punto de encontro para os amantes da música tradicional.
O domingo pola mañá será a final do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Comezará ás 11.30 horas no campo de competicións, no bico da estación de esquí. O certame, organizado na memoria de Gabino García reunirá a máis de trescentos gaiteiros procedentes de toda Galicia. Ademais das competicións entre bandas, haberá campionatos de gaiteiros solistas e bastóns de mando. Haberá tamén feira e postos de artesanía.