Do escritor Alberte Blanco (Cobres-Vilaboa, 1951) era coñecido o seu destacado labor como ensaísta con contribucións sobre o estado do monte galego ou arredor do camiño de ferro de Zamora a Ourense. A este campo da investigación e interpretación crítica uniuse, non hai moito, o volume Xeopolítica, pandemia e postcapitalismo (2021). Mais o autor tamén cultivou o xénero narrativo como, alén doutro texto anterior, testemuña O Códice esmeralda (2017): un exercicio de ficción de fondo histórico onde cobra especial relevancia o acontecemento da batalla de Rande de 1702, pano de fondo de diversas intrigas acontecidas na época. É arestora cando Blanco volve percorrer, con A soidade do inquisidor, os ámbitos da novela histórica remontándose ao último terzo do século XVI cando o inquisidor Xoán de Freixedo, dono dun carácter conciliador, pescudará sobre algunhas prácticas sospeitosas que xermolaban nas terras de Monterrei. A aparición dos cadáveres dunhas mulleres novas outorgará un xiro á narración para adoptar unha orientación que virará cara á novela de investigación e posibilitará, asemade, a reconstrución dunha atmosfera na que alentan pegadas de certo paganismo vinculado con actos considerados heréticos, ademais de diversos conflitos relixiosos e doutrinarios nos tempos da Contrarreforma. Nese contexto, cobrarán protagonismo, como é natural, diversos frades do colexio dos Xesuítas, a poderosa condesa Inés de Velasco ou o astuto inquisidor do Santo Oficio Diego de la Cantera, entre outros personaxes, definidos sempre con solidez e singularidade.
Ao meu ver, exhíbese aquí unha habilidade indubidable para afondar con éxito na confluencia entre a novela de contexto histórico e unha trama de investigación que esixe unha resolución satisfactoria que se conduce nestas páxinas de maneira pouco previsible. Con pasaxes gobernadas pola plasticidade, é esta unha novela de fasquía clásica, escrita con corrección e mesmo engadiría que cun plus estilístico pouco frecuente como amosa o idiolecto que manexan estes personaxes que poboan coa precisa verosimilitude as terras de Monterrei doutro tempo: un espazo que ben merecía estar presente na nosa tradición cunha proposta coma esta.