Alfredo García, alcalde de O Barco: «É seguro que o viño vai tirar do turismo na comarca»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Alfredo García
Alfredo García LOLITA VÁZQUEZ

O Concello de O Barco e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras firmaron este ano un convenio de colaboración de 15.000 euros para financiar esta edición da feira

30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Barco, a capitalidade comarcal, volverá a acoller a Feira do Viño de Valdeorras nesta edición. O seu alcalde, Alfredo García, convida a tódolos veciños do oriente ourensán a visitala e gozala ao máximo, aproveitando a ocasión para coñecer as elaboracións das dezaoito adegas participantes.

—Que supón para O Barco esta cita?

—Para nós é unha das fins de semana grandes dentro do calendario anual, como o é a da festa do Cristo ou a do botelo. É tamén unha responsabilidade, porque a feira do viño non é de O Barco, é de toda Valdeorras. Este ano cambiamos tamén o modelo de colaboración e en vez de pagar directamente as actividades, como ata agora, firmamos un convenio nominativo co consello regulador de quince mil euros.

—Pensa que o viño ten xa o peso que lle corresponde dentro do tecido económico da comarca?

—Creo que o viño está chamado a ser un puntal moi importante dentro da economía comarcal e polo tanto temos que loitar por el e protexelo. A ninguén se lle escapa que o noso eixo vertebrador no económico, tanto no Barco como no resto de concellos, é a pizarra. E o sector servizos é tamén moi importante dentro do noso municipio e do resto do territorio. Pero a vitivinicultura está collendo moitísima forza. Eu penso que, ademais do puramente relacionado coa produción e a comercialización, o viño é o que nos vai propiciar un desenvolvemento importante do campo turístico. O enoturismo está de moda e a xente viaxa cada vez máis seguindo esa estela, como tamén a da gastronomía. E nós temos que estar aí, facendo valer o noso potencial.

—Percibe que se vai polo bo camiño ou habería que facer un esforzo maior para difundir ese recurso?

—Sempre se pode mellorar e, sen dúbida, nesa dirección temos que facer un esforzo de promoción. O viño vai tirar do turismo seguro. Nós temos un recurso potente que temos que aproveitar. Hoxe os nosos viños teñen acadado un nivel de recoñecemento importante. Antes dicíase que o bo pano véndese só, pois co bo viño pasa o mesmo e as nosas castes e os caldos que se fan con elas pásalle iso mesmo. Hai uns anos era moi difícil, ir a un restaurante fóra de Galicia e que tiveran godellos de Valdeorras. Hoxe en día atópalos en case tódolos establecementos de certo prestixio. Agora o que é moi difícil, o que non é normal, é que non o teñan, incluso tamén mencías. Isto é froito do traballo de moitos anos e vese reflectido en que cada vez se está a plantar máis porque a demanda existe e crece. De feito, hai adegas que rematan as existencias antes de que chegue a produción da seguinte tempada.

—O que pasa é que para que a xente chegue tampouco estaría mal que mellorasen as comunicacións terrestres. Non é así?

—Penso que o verdadeiramente importante é ter o recurso. E nós témolo. Eu teño ido a algunhas partes dos Pirineos por unhas estradas infernais e ao chegar alí estar todo cheo de xente. Iso non quere dicir que non reivindiquemos mellores infraestruturas, que asfalten a N-120 no tramo da provincia de Lugo ou fagan os terceiros carrís na baixada de Guítara. Unha cousa non quita a outra, pero tamén é certo que o tipo de visitante que opta polo turismo de interior valora moito máis o que lle interesa do destino, aínda que lle leve media hora máis chegar. E a proba de que realmente á xente lle interesa cada vez máis o noso viño é que a cifra dos que se achegan coa intención de coñecelo crece cada ano. O que penso é que falta que nós mesmos nos creamos o moito bo que temos. Ás veces tendemos a pensar máis no negativo que no positivo e iso é un erro porque se nós non nolo cremos, como llo imos vender aos demais? Temos que falar ben do noso porque ademais meréceo.