As Xociviga entregaban este ano un dos seus premios a Xosé Enrique Acuña. A insignia de ouro das Xornadas é un recoñecemento cun valor engadido, por estar dirixido a persoas que participaron ao longo do tempo no proxecto ou colaboraron e apoiaron o certame que se celebra dende o ano 1984 no Carballiño. Xornalista, editor, dinamizador cultural, investigador e responsable da organización de proxectos expositivos e de recuperación da memoria histórica, da fotografía e do cine galego, Acuña foi ademais un dos responsables das grandes mostras e proxectos das Xociviga. Na súa faceta de editor, e coa visión privilexiada que ten para o oficio, Acuña teimou e loitou contra os elementos para convertir nun coidado e marabilloso libro, aquela pequena xoia de peto, os papeis anotados e revoltos que tiña un seu amigo: o libreiro e intelectual galeguista Antón Patiño. Naquela Memoria de ferro (A Nosa Terra, 2005) quedou fixada para a historia, negro sobre branco, a epopea das irmáns Touza e os veciños de Ribadavia que as axudaban a pasar a Portugal aos xudeos que chegaban á estación de tren fuxindo do exterminio nazi. Patiño gardaba e memoria de As de Ribadavia e Acuña convertiuna en historia, ripándolla ao esquecemento. Moitas cousas aconteceron logo, dende homenaxes a futuros proxectos, pasando por una novela que se presentará axiña e unha obra de teatro que se estrea hoxe en México. Mais nada diso sería realidade se non fose pola mestría dun editor chamado Xosé Enrique Acuña.