Arenteira para Felipe Senén López e Magdaleno

La Voz OURENSE

O CARBALLIÑO

Os galardóns do Hotel Arenteiro recoñeceron a traxectoria e o compromiso dos dous con O Carballiño

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Hotel Arenteiro, en colaboración co Centro de Estudos Chamoso Lamas, creou hai uns anos os premios Arenteira para recoñecer ás persoas que se teñen distinguido de maneira singular polo seu compromiso co Carballiño e a súa comarca en campos como a cultura e o deporte. No hotel fíxose efectiva a entrega dos Arenteira 2015, que na súa cuarta edición foron parar ao historiador, investigador e técnico de cultura Felipe Senén López Gómez e ao expiloto de ralies José María Martínez Magdaleno. Do exdirector do museo do Castelo de San Antón e técnico de Cultura da Deputación de A Coruña -donde se xubiló hai uns anos- o xurado salientou a súa brillante traxectoria profesional, a súa incansábel inquedanza investigadora e o compromiso que Felipe Senén López mantivo sempre con todas as iniciativas e proxectos que se promoven en O Carballiño. De Martínez Magadaleno valorouse a súa carreira deportiva e a consideración social acadada nestes anos. Ao recibir o premio Arenteira no apartado de Cultura Felipe Senén López Gómez decantouse por realizar unha homenaxe a Manuel María elexindo a lectura dun poema seu para agradecer o galardón co que foi agasallado. O escritor ao que se lle adicarán no 2016 as Letras Galegas mantivo unha estreita relación coa vila carballiñesa e no seu día escribiu o Cantigueiro do Orcellón, proxecto no que participou López Gómez e do que onte leu un poema para lembrar ao poeta -o carballiñés é membro da fundación que mantén viva a memoria do escritor-.

Axuda para José Manuel Prado

No acto de entrega Uriel Bernández Cerdeira, representante da empresa organizadora, anunciou que o grupo Hotel Arenteiro concederá unha axuda económica ao deportista discapacitado José Manuel Prado Prado -no seu día tamén premio Arenteira- para acudir a un centro de alto rendemento de Cataluña.