Un grupo de O Carballiño utiliza a súa música para dar visibilidade á problemática dos incendios

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

O CARBALLIÑO

Skadelos rodou o videoclip do seu tema «Focos» en distintos puntos de O Irixo, que arderon este verán

27 dic 2022 . Actualizado a las 18:42 h.

No 2017 Darío Santomil estaba estudando en Vigo Inxeñería Industrial e visitaba a súa casa, en O Carballiño, cada fin de semana. O domingo, cando marchaba de volta, atopouse polo camiño co incendio que comezou en As Neves. «Quedamos atrapados na autovía, que estaba cortaba. Apenas se vía co fume e respirabamos a duras penas», recorda. Deron a volta e máis tarde, e durante os seguintes días, foron dándose de conta de toda a catástrofe que provocaran aqueles lumes. Naquel momento Darío tocaba un pouco a guitarra. Lembra que se pechou no seu cuarto e pouco a pouco, coma sen querelo, foi xurdíndolle a letra e o ritmo da canción Focos. «Foi a miña primeira composición propia, unha forma de expresar a rabia e a dor, todos eses sentimentos que se me quedaran dentro e non podía sacar», afirma. O tema quedou escrito nunha libreta ata que un par de anos despois este carballiñés formou o grupo Skadelos. A banda complétana tres amigos e veciños da vila do Arenteiro, David González, Diego Neira e Sander Ulloa. «Decidimos arranxar e rematar a canción porque o tema do que trata é algo que nós vivimos e que nos afecta dende pequenos. Levamos dende cativos vendo arder a nosa terra, máis en Ourense, que cada veránse sitúa entre as provincias máis perxudicadas polos lumes», advirte Darío.

Focos é un tema reivindicativo e crítico, pero que máis que buscar culpables sobre a problemática dos incendios, quere dar visibilidade á importancia de coidar onde pisamos. «A nosa terra é algo que nos dá beneficio constante. Os montes permítennos respirar, vivir, si; pero é que ademais aquí, no rural, a maioría da xente traballa en oficios que se desenvolven ou subsisten alí coma a gandería ou agricultura», comenta Darío.

O grupo quere que o seu tema sexa un lema para todos os galegos e por iso acaban de ir un paso máis alá. Grazas á colaboración coa produtora cultural Toxo Verde, veñen de rodar o videoclip da canción. «Dende que escoitei Focos souben que quería dirixir a parte audiovisual porque é unha peza que non busca culpables, senón a unión da xente para parar os lumes», di Clara Seco, directora do vídeo. Gravaron unha pequena parte en O Carballiño, na capela da Madalena, onde contaron coa participación dun bo número de veciños coma extras. A maioría do videoclip rodouse en O Irixo, na parroquia de San Cosmede de Cusanca, unha aldea que este verán sufriu de novo a furia das chamas. Os músicos, e os figurantes da peza, gravaron sobre monte queimado, ennegrecido e seco. «O que queremos transmitir co vídeo é que todos os anos a solución é a mesma: o pobo. A xente salva á xente. Queremos lanzar unha mensaxe positiva, de que quen desfruta a terra e o monte é finalmente quen termina salvándoo», remata Clara. O resultado estará listo para finais de xaneiro. Aínda non hai nada pechado, pero o grupo ten claro que a estrea do videoclip de Focos será en O Carballiño. Tamén que non faltarán as sorpresas, como que barallan engadirlle ao nome da canción o lema Lumes nunca máis. Todo para deixar clara a súa mensaxe.