Avelino Muleiro, filósofo: «O superhome de Nietzsche ten moito que ver coa intelixencia artificial»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

Avelino Muleiro
Avelino Muleiro Alejandro Camba

O carballiñés afirma que a ética volve ocupar un lugar importante nas empresas

07 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Avelino Muleiro García (San Martiño de Lamas, Cea, 1943) é dese homes que sempre están presentes. Deses que contribúen co seu saber en diferentes proxectos e poñen en marcha iniciativas que serven para dar luz á cultura e ó saber. É filósofo, afirma. E inda que cando era rapaz e xogaba cos seus amigos do colexio na súa parroquia non o sabía, xa pasaba o tempo pensado que habería máis alá das cousas que vía e escoitaba.

Estudou nun colexio onde nas aulas había nenos dende os tres ós doce anos. E iso axuda a desenrolar dende moi cedo o pensamento. Recorda aqueles anos como moi felices. «Inda que era fillo único fun un neno moi feliz. Recibín moito amor por parte da miña familia e sempre estaba xogando con outros nenos na rúa ou na miña casa. Recordo que era moi responsable e iso foi unha constante na miña vida», relata.

Trasladouse ó Seminario de Ourense para seguir estudando e o último curso antes da universidade fíxoo no que é hoxe o instituto Otero Pedrayo na capital ourensá. Estudou en Santiago Filosofía e Letras, os dous anos comúns, e logo desprazouse a Barcelona para facer a especialidade de Filosofía Pura, xa que daquelas só había esta disciplina na cidade condal, en Madrid, en Salamanca e en Valencia. Aterrou alí con vinte años e esta experiencia cambiou a súa vida. «Daquela a filosofía que imperaba era a escolástica e Barcelona tiña prestixio porque era como Europa, había xente moi progresista. Alí coñecín a un profesor que me marcou definitivamente como alumno e como persoa, Jesús Mosterín», destaca. Tanto este mestre como Emilio Lledó viron en Muleiro algo especial e animáronlle a facer os dous últimos cursos en un para non perder o ano das milicias. «Aprendín unha filosofía ó estilo europeo. Cheguei o ano no que Mosterín vina de Alemaña, recén doutorado. Eses anos foron determinantes», afirma.

Regresou a Galicia, sabedor de que deixaba en Cataluña unha forma de pensar diferente e que lle atraia. «Costoume regresar porque en Barcelona vivía outro ambiente de liberdade, pero a familia e a terra chamaban», sinala. Comezou impartindo Filosofía na Universidade de Santiago e cando se instaurou o COU, empezou a dar clases no Santa Irene, en Vigo. «Daquelas cobrábase máis que na universidade», explica. Durante uns anos fixéronse obras no centro escolar e os mestres trasladáronse o Coia Nº 2. En 1976 este centro constitúese en instituto e pasou a chamarse Alexandre Bóveda. El foi o seu primeiro director e alí xubilouse no 2011.

Nese tempo, Avelino Muleiro xa creara o Instituto de Estudos Carballiñeses e fundara en Vigo o grupo Aletheia. Hoxe é presidente da asociación Álvaro das Casas, forma parte da directiva dos Amigos da Universidade de Vigo, colabora na revista Tres campus, e dende hai un ano forma parte do Consello Social da Universidade de Vigo. Ademais é colaborador de varios medios de comunicación, entre moitas dedicacións relacionados coa divulgación.

Sobre a presenza da filosofía na sociedade actual, Muleiro sinala que inda que perdeu o sentido académico en España e en Europa, en Estados Unidos recobra forza e as grandes empresas xa demandan filósofos nas súas filas. «A tecnoloxía está moi ben, descubrir a división do átomo a fusión e a fisión é algo extraordinario, pero hai que saber que hai detrás diso, o que é ético dos descubrimentos, para que se usan. Antes de morrer, Jesús Mosterín falaba da intelixencia artificial como unha metáfora do home que nunca se corresponde coa realidade, porque unha metáfora é un simil. O superhome de Nietzsche ten moito que ver coa intelixencia artificial, xa no século XVIII falaba disto en Así habló Zaratustra. ¿O superhome é a intelixencia artificial? Temos que ter coidado para que a programación non se revele contra o ser humano», reflexiona Avelino Muleiro.

 «Dende neno quería saber que había máis alá, buscaba o sentido das cousas»

A súa profesión é moito máis que una fórmula para gañarse a vida, para Avelino Muleiro é a maneira de enfrontarse ó mundo. «Sempre me gustou pensar e ir máis alá da perfección. Unha cousa é o que se ve e outra é a realidade. Fixándonos na sociedade, unha cousa é o que che din as persoas e outra cousas o que fan as persoas que che din esas cousas. Dende neno quería saber que había máis alá. Ese espírito de reflexións e de chegar ó fondo das cousas preocupoume sempre. Por exemplo, pensamentos sobre a morte. Se non pedín nacer porque teño que ser agora responsable do que fago?», explica. Para o filósofo saber ver máis alá da descrición dos feitos é indispensable: «Máis ala das cousas hai outra realidade». E aquí fala de Kant e da hermenéutica, da máscara e do que hai detrás. «Cando domina unha ideoloxía a democracia non é real é ficticia, porque para que sexa real ten que ser espontánea, non vetada a ideoloxías ou dogmatismos», di Muleiro. Esa idea de que todo é discutible e de que hai que mirar sempre mais alá define a súa personalidade.

Traxectoria vital

DNI. Avelino Muleiro (Cea, 1943) é filósofo e mestre, agora xubilado. Ademais, colabora con artigos en varios medios de comunicacións e preside varias asociacións. Está casado e ten tres fillos. Actualmente vive en Vigo.

Seu recuncho. A Veracruz de O Carballiño é para Muleiro o emblema do Concello. A parroquia onde naceu está a catro quilómetros da vila do Arenteiro, o seu referente.