O artista ofrece un concerto cos temas do seu traballo centrado na música e a Xeración do 27
04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Dentro das propostas da Miteu para esta xornada figura o concerto que Samuel Diz (Tui, 1986) ofrece esta noite no Auditorio de Ourense. O espectáculo «A música na vida de Lorca» está programado para as 23.00 horas. En «Impresións e paisaxes, como o primeiro libro de Lorca» o guitarrista galego recolle o seu traballo de investigación, recuperación e coñecemento da guitarra na Xeración do 27.
-Como nace o proxecto que chega agora a Ourense?
-É froito dunha investigación que comeza no ano 2011, a partir dun traballo anterior que fixen sobre Bal e Gay.
-Antes xa se interesara pola presenza da guitarra na música galega.
-Si. O anterior disco céntrase no patrimonio musical galego e leva por título «Guitarra clásica galega» (Ouvirmos, 2012). No 2011 comecei coa Xeración do 27, coa estrea absoluta da «Pastoral», de Bal e Gay, e logo con pezas de Regino Sainz de la Maza, Juan José Mantecón e Salvador Bacarisee, gravadas neste novo disco.
-No seu traballo destácase á influenza de Falla.
-Manuel de Falla era o compositor de referencia nos anos 20 e a súa influenza nos autores da Xeración do 27, e mesmo en Lorca -con quen desenvolveu varios proxectos-, foi fundamental.
-A guitarra foi o instrumento daquela xeración?
-Era o referente da época. Tivo unha forte presenza na Residencia de Estudiantes, na literatura e mesmo na arte, aí están Juan Gris ou Picasso.
-E no caso concreto de Lorca?
-A guitarra e a súa música é unha constante na súa obra. Tocaba o piano e a guitarra e no seu traballo as referencias son frecuentes. Tamén foi o instrumento que percorreu España co grupo La Barraca.