Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga que cambiou de siglas: «Tivemos os mesmos resultados co PSOE que co PP»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

RAIRIZ DE VEIGA

Asunción Morgade
Asunción Morgade S. P.

A rexedora afirma que cambiou de siglas polas discrepancias coa dirección provincial dos populares

01 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata mediados do mes de abril, Asunción Morgade era a alcaldesa popular de Rairiz de Veiga. Un mes antes das eleccións anunciou o seu paso ó PSOE. Este cambio de partido non tivo consecuencias para ela nas eleccións do 28M. Mantivo os cinco concelleiros cos que gobernaba.

—Por que decidiu o cambio do PP ó PSOE?

—Tomei a decisión a raíz das discrepancias coa dirección provincial, cando se decidiu que outra persoa encabezaría a lista do Partido Popular no concello. Entón contactaron comigo dende o PSOE, eu falei cos compañeiros da lista e acompañáronme no proxecto. O PP non contou comigo, e aceptámolo perfectamente, pero a vida segue e hai máis partidos. Sabiamos que tiñamos un concello con maioría e queriamos continuar adiante. Eu creo que o máis importante era a persoa. De feito, tivemos os mesmos resultados co PSOE que co PP. Quedou bastante claro.

—Falou con vostede Baltar antes de que anunciara un novo candidato? Foi decisión del?

—Non sei, Baltar nunca falou comigo, nunca. Nin antes nin despois. Só falamos o día que me recibiu cando fun candidata do PP.

Segue sendo afiliada?

—Non, dinme de baixa, inda que non teño nada contra o Partido Popular, pero hai persoas. É máis, eu formaba parte do comité executivo provincial.

—Pensa que hai máis xente no PP que pensa como vostede?

—Falei con algunha que viviu situacións parecidas á miña, que non se contou con ela. Enfadáronse pero calaron. A min animáronme os veciños.

—Cal foi o recibimento dos edís do PSOE?

—É un pouco raro. Tiñamos como oposición ó PSOE, pero nunca viñeron ós plenos. Só había dous, pero dende a investidura do 2019 non tivemos contacto. Eu falei cun deles antes de decidirme e o que era o cabeza de lista díxome que non se ía presentar. Co resto de socialistas da comarca o recibimento foi bo, xa nos coñeciamos.

—Cre que os veciños entenderon o cambio?

—Eu expliqueilles a verdade ós veciños, que a persoa era a mesma, que eramos os mesmos, pero que levabamos outras siglas. Non lles importou, eles querían votarme. Síntome moi orgullosa, contenta e agradecida. Confórtame que eles me votaron a min e non a unhas siglas.

—Tamén foi importante contar cos concelleiros que a acompañaron nos últimos catro años.

—Moito, tanto que eles foran comigo como que eu aceptara. Non o faría sen eles.

—Cambiará algo na súa forma de gobernar o concello?

—Nós vimos a traballar por Rairiz e para Rairiz, para buscar o mellor para o concello. O máis importante agora é a concentración parcelaria. Todo seguirá igual, non imos a cambiar nada e levaremos adiante os proxectos que tiñamos en marcha nos últimos años. Somos os mesmos e tentaremos facelo o mellor posible. Como alcaldesa esa é a miña función.