«O galego é a certeza da nosa calidade. Fainos diferentes»

María Doallo Freire
maría doallo REDACCIÓN / LA VOZ

RIBADAVIA

Xosé Carballido, Susana Aguiar, Álex Moure, Eduardo e Tomás Bravo, Avelino Muleiro e Carme Pérez Vaqueiro
Xosé Carballido, Susana Aguiar, Álex Moure, Eduardo e Tomás Bravo, Avelino Muleiro e Carme Pérez Vaqueiro Palma Roca

Pazo Lalón e Kalekoi reciben os Bacelos de Prata en Ribadavia

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Temos que cambiar o paradigma e converter nunha oportunidade ese risco que pensamos que supón empregar o galego nas nosas marcas. É ben sabido que a diferenza é o que fai único un produto e o galego pode ser un distintivo». Así de claro falou o alcalde de Ribadavia, e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Rodríguez, durante a súa intervención na entrega dos Bacelos de Prata, os premios que cos que a Asociación Álvaro das Casas recoñece aos proxectos do sector agroalimentario que apostan por un etiquetado e unha comunicación en galego. A Adega Pazo Lalón, de Leiro, e a empresa de produtos lácteos Kalekoi, de Rodeiro, foron os galardoados de esta edición. A entrega tivo lugar este sábado nun dos salóns do Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), no que os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar a María do Ceo cantar varios poemas de autores como Rosalía ou Manuel María.

Un dos momentos máis especiais do acto foi durante o discurso que deu Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas, que reivindicou a importancia do uso do galego en todos os ámbitos. «A través da lingua as persoas comparten a súa historia, a súa cultura, a súa realidade... e isto inflúe na percepción que teñen do mundo. Nunca debe ser orixe de enfrontamentos nin de combates ideolóxicos», dixo. Muleiro denunciou a despoboación e o abandono das aldeas do rural. «Delatan a soidade e o baleiro que as envolve», afirmou. Tamén se dirixiu aos premiados, aos que felicitou por ter demostrado a súa habilidade para converter unha ilusión nunha realidade. «Os seus produtos son coñecidos en moitas partes do mundo e levan o galego por bandeira», asegurou.

O adegueiro Eduardo Bravo, que estivo acompañado do seu irmán e socio, Tomás, recolleu o premio de Pazo Lalón. «Foi o noso pai quen apostou por recuperar as castes autóctonas nos anos noventa. Nós continuamos co seu legado e hoxe elaboramos viños que recordan a tradición vitivinícola do Ribeiro», dixo. Pola súa parte, Álex Moure, de Kalekoi presumiu de ter un ADN 100 % rural. «Para nós é un orgullo recibir este recoñecemento. Somos fillos de gandeiros. Nacemos nunha aldea e volvemos a ela despois de estudar co obxectivo de seguir facendo produtos coa leite das vacas da nosa familia», contou. Tamén admitiu que, ao comezar co proxecto, fai dez anos, fixeron un etiquetado en castelán de cara a internacionalización. «Pronto nos dimos de conta do noso erro. Imos co galego por diante, porque é a certeza da nosa calidade e de que somos diferentes», rematou.